21/04/2018

Pescados Rubén 1-2 Real Betis Futsal

Pescados Rubén 1-2 Real Betis Futsal
O Pescados Rubén Burela FS sucumbiu esta tarde ante un Real Betis Futsal (1-2) que chegaba a Vista Alegre para pelexar con uñas e dentes por manterse en praza de play off. Malia non puntuar, co empate de Puertollano fronte a Valdepeñas (3-3) e a derrota de Antequera con ElPozo (3-6), os laranxas poden seguir custodiando o liderado cara aos play off para a última xornada de liga.

A iniciatia do xogo mariñán fronte á defensa andaluza non obtivo recompensa no electrónico, con empate ao descanso (1-1). No segundo acto, o cadro de Juanma Marrube viuse demasiado condicionado polas dúas inferioridades que tivo que defender, coa chegada do 1-2 definitivo.

O ex-laranxa Chano adiantou os de Daniel Ibañes recortando a Pope e deixando pegada da súa brillantez cun gol á escuadra; aínda non se cumprira o terceiro minuto de xogo. Juanma Marrube empezou a mover o banco e os burelistas atoparon a rede andaluza nun lanzamento de Víctor, que Héctor tan só tivo que empuxar ao bordo da liña de meta. Con Matamoros no seu regreso a Vista Alegre, cunha grande ovación, Raúl Jiménez tivo que aplicarse a fondo baixo paus. Chegando ao ecuador equilibráronse de novo a forzas con dúas brillantes respostas de Edu, primeiro fronte a Aarón (minuto 10) e máis tarde ante outro dos vellos coñecidos da Mariña, Jorge Bellvert (minuto 12). No 17, a punto estivo de subir o segundo dos galegos por partida dobre, con firma de Matamoros, a primeira despexada co pé por Raúl Jiménez e a segunda freada polo pau. Edu mantivo o empate para a chegada do descanso, ante as tentativas de Ivi e Eric, no último minuto.

O segundo acto non empezou da mellor forma para os burelistas, coa vermella directa para Chus por sacar o balón baixo paus coa man. Aínda que o penalti de Raúl Gómez petou co muro do naronés. Aguantaron os de Juanma Marrube en inferioridade. Ao gran desmarque de Colacha que acabou nas mans de Raúl Jiménez, continuou presionando Betis, cunha ocasión providencial de Bermusell que volveu desartellar o meta mariñán. No último cuarto da cita, o Pescados Rubén puido dar máis fluidez á súa saída de balón; Renato liderou unha galopada no 33, que se foi desviada por pouco fronte ao bloqueo de Bellvert. Edu mantivo o 1-1, sacando o brazo ante Rubén Cornejo. Coa segunda amarela para Renato, no 35, os mariñáns volveron á inferioridade e así aproveitaron os andaluces, co 1-2, de Raúl Gómez. A falta de tres minutos e medio, Matamoros vestiuse de azul para liderar o xogo de cinco sen éxito.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Hélder, Chus, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Héctor, Matamoros, Colacha

Real Betis Futsal: Raúl Jiménez, Raúl Gómez, Chano, Rubén Cornejo, Bellvert, cinco inicial; tamén xogaron Eric, Jaime Migo, Bermusell, Aarón, Miguel, Ivi

Goles: 0-1, minuto 3, Chano; 1-1, minuto 6, Héctor; 1-2, minuto 36, Raúl Gómez

Árbitros: Álvarez Rueda // Hevia Campa (Asturias). Por Burela, amarela para Renato (minuto 19 e 35), Héctor (minuto 40); vermella para Chus (minuto 22). Por Betis amarela para Chano.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 de Segunda LNFS, disputado no pavillón Vista Alegre ante uns 1000 afeccionados/as.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.