01/05/2018

Somos campións de Galicia!!!!

Somos campións de Galicia!!!!
O Pescados Rubén Burela FS alzouse co título da XXVII Copa Galicia Masculina, por primeira vez na historia laranxa, esta tarde ante o Santiago Futsal (4-3) nunha gran final nas que os da Mariña souberon reaccionar ao temperán 0-1 cunha orde exemplar e solvencia finalizadora na primeira parte e cun férreo e sólido traballo defensivo fronte ao recorrente xogo de cinco dos composteláns na segunda.

Problemas na saída de balón para Burela con primeiras tentativas compostelás. No minuto 3, sacou Pope, case voando baixo paus, a ocasión de Álex Verdejo e Santi. Pouco tardou o Santiago en adiantar, máis posto no partido, no 4, con Armando desde saque de banda. Hélder igualou a contenda nunha gran galopada pola banda tan só 2 minutos despois. Na súa segunda chegada á rede de Iago Barro, o Pescados Rubén volveu sentenciar nunha contra de Colacha que culminou Renato (minuto 8). Tan só 49 segundos restaban para o ecuador do primeiro acto e Renato fixo estalar a Bancada Laranxa co 3-1, nun lanzamento afastado dende saque de esquina.

A falta de seis minutos e medio para o descanso e con catro faltas, Matamoros liderou o xogo de cinco, con moito perigo. Tras unha man prodixiosa de Edu fronte a Hugo, saíu Héctor como porteiro xogador. Poucos segundos se fixo esperar o cuarto laranxa, cun roubo de Hélder en pista compostelá (minuto 17). Álex Diz capitaneou a mesma aposta con case dous minutos para o descanso e continuou así no reinicio. A resposta dos burelaos: no 22 Héctor volveu vestir de verde.

Iago Barro freou a Mata no 23 e Edu fixo o propio segundos despois ante Verdejo. Perdoaron os da Mariña o quinto na cuadrícula cun balón de Pope dende pista burelá evitado polo largueiro nun meteórico contragolpe con Renato, que marchou desviado. Foi entón cando aproveitaron os de Santi Valladares, con Verdejo (4-2, minuto 25).

Volveu resistirse o quinto do Pescados Rubén, no 29, a porta baleira nunha cita non apta para cardíacos na incesante aposta de cinco para os de Compostela. Edu, aliado co pau, e Pope, nun par de ocasións, souberon conter as embestidas rivais na liña de meta. Aferrouse Burela a unha defensa maxistral, cun Edu omnipresente. Volveu ter Renato unha nova vantaxe con paradón de Álex Diz no 36. Recuperou momentaneamente o xogo de cinco o Burela, con Chus. Novamente unha ocasión de Hélder a porta baleira sen recompensa. O Santiago puxo aínda máis emoción a esta trepidante final acurtando distancias Antonio Diz a tan só 27 segundos para o asubío final. Máis mérito aínda para o brillante campión irmandiño da XXVII edición.

O infantil, subcampión da Minicopa

O conxunto infantil, de Mario Pillado, proclamouse subcampión da I Minicopa Galicia. As Xoias Laranxas conseguiron o billete para a final despois de impoñerse 5-1 ao Esteo FS. Na pugna definitiva, o anfitrión, O Parrulo FS, alzouse co trofeo irmandiño con 0-6, despois de vencer na semifinal aos santiagueses 1-5.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Chus, Cora, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Hélder, Héctor, Matamoros, Víctor, Colacha, Nito

Santiago Futsal: Iago Barro, Catela, Santi, Álex Verdejo, Med, cinco incial; tamén xogaron Isma, Álex Diz, Armando, Álex Velasco, Hugo, Antonio Diz

Goles: 0-1, minuto 4, Armando; 1-1, minuto 6, Hélder; 2-1, minuto 8, Renato; 3-1, minuto 10, Renato; 4-1, minuto 17, Hélder; 4-2, minuto 25, Álex Verdejo; 4-3, minuto 40, Antonio Diz

Árbitros: Martínez Torres // Cid Bragado. Por Burela amarela para Matamoros (minuto 5), Hélder (minuto 14). Por Santiago amarela para Álex Verdejo (minuto 17)

Incidencias: Final de XXVII Copa Galicia de Ferrol disputado na Malata ante preto de 2000 espectadores/as, presidida pola secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, e o máximo dirixente da RFGF, Rafael Louzán, e coa presenza do concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.