08/05/2018

Conta atrás para play off

Conta atrás para play off

O Pescados Rubén Burela FS arrincará a pugna de play off este venres na pista do Real Betis Futsal (Amate, 21.00 horas, www.lnfsdirecto.es).



Comeza a conta atrás para o soño de regresar a Primeira. E se apuntamos ao Sol? Por que non? “Son días especiais, chegou o momento de loitar polo que levamos todo o ano traballando. Xógalo non a unha soa carta, pero case, temos tres posibilidades por diante para pasar a primeira eliminatoria, en partidos nos que os pequenos detalles serán moi importantes” explicaba Víctor López. Para o peche madrileño esta non será primeira fase de ascenso coa camisola laranxa -xa defendeu o Pescados Rubén no seu último play off, en 2011-12- e móstrase moi confiado nas posibilidades mariñás: “O equipo está ben e chega nun estado óptimo. Recibimos a inxección de moral do título de Copa Galicia e a fin de semana veunos ben para recuperarnos de molestias”.



Recordos de liga



En liga, o Pescados Rubén só puido sumar 1 punto nos enfrontamentos cos béticos, a domicilio na ida (3-3). “En Amate foi un partido moi disputado, que acabou en empate, pero puido caer de calquera lado. Este venres, será diferente; para play off esperamos un pavillón cheo, con todo o que move Betis, e creo que o que menos erros cometa sairá vencedor” analizaba o madrileño, facendo referencia tamén á derrota, máis recente, en Vista Alegre: “Fixemos unha boa primeira parte, pero na segunda as dúas expulsións e as inferioridades lastráronos demasiado, ademais non estivemos ben na saída de balón. Non tivemos a frescura da primeira parte” lembraba así Víctor o 1-2 da recta final da competición regular.



Cara ou cruz



O 4 burelista valora o significado do cara e cruz en terras andaluzas. “Unha vitoria sería unha inxección de moral impresionante. Viriamos á casa xogar con toda a nosa xente e con outras dúas oportunidades intactas. Mellor é gañar, pero se se perde seguimos dependendo de nós e con Vista Alegre arroupándonos en dous partidos cruciais, cun pavillón cheo que nos axudará moitísimo” explicaba con optimismo Víctor, que incidía en ir paso a paso sen precipitarse: “Vai se un mes moi longo, si se chega á final, pero imos centrarnos en traer a vitoria esta semana de Sevilla, que será un paso moi importante, sen dúbida”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.