30/08/2018

Pope: 'Estou cómodo en Burela e moi contento de seguir un ano máis'

Pope: 'Estou cómodo en Burela e moi contento de seguir un ano máis'
O ala Sergi Orgillés Saiz, Pope, volverá defender esta tempada o 14 laranxa: “Estou cómodo en Burela e moi contento de poder seguir un ano máis. A tempada pasada fíxome mellor xogador e mellor persoa” confesaba o catalán, na compaña do presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, e o directivo Luis A. Guillén, compartindo a ilusión e confianza do novo proxecto que dirixirá Juanma Marrube: “Os xogadores novos adaptáronse moi ben, creo que lles estamos axudando bastante para que toda esta aclimatación sexa doada, nun equipo con moitas ganas e ambición por facer unha tempada bonita”.

“Sempre hai que ir a máis, como di Juanma, así que este ano pelexaremos por ser mellores. A liga é moi longa, empezando ben ou mal. Esperamos empezar con bo pé para que ese punto de motivación axúdenos nos seguintes pasos a dar” así manifestaba a súa declaración de intencións o 14 burelista,disposto a superar calquera tipo de obstáculo na evolución do cadro mariñán, sen quedar na beira.

Santiago, primeiro termómetro para a liga

O Torneo Burela Bonita desta semana brindaralles a ocasión aos burelistas de medirse a un rival co que se verán as caras en liga e co que os partidos, de derbi, son espectáculo garantido, o Santiago Futsal (19.30 horas), xunto a Noia Portus Apostoli-Palma Futsal (venres 31, 21.30 horas): “Será un bo torneo, con catro equipos fortes. É unha boa oportunidade para empezar con bo pé na casa e que a xente vexa que ten que vir a Vista Alegre, para seguir apoiándonos”, convidaba así Pope á Bancada Laranxa a asolagar Vista Alegre o venres e sábado.

“Cambiou moito o equipo, pero sabemos que será un partido moi duro cun rival moi correoso, nos derbis con Santiago sempre hai moita rivalidade” poñía en preaviso así o burelista, recoñecendo a súa predilección por unha hipotética final contra o seu antigo equipo: “Sempre é bonito xogar contra un ex-equipo. A ver se podemos gañar os dous e vernos na final”, concluía Pope.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.