11/10/2018

Máis garra ca efectivos para Móstoles

Máis garra ca efectivos para Móstoles
O Pescados Rubén Burela FS desprazarase na xornada 3 á pista do Móstoles FSF (sábado 13, 18.30 horas, Villafontana) con máis garra que efectivos para pelexar por encadear a súa terceira vitoria, sen perder o liderado de Primeira División Liga Foro 16 Feminismo.

O equipo, que partirá o sábado ás 8.30 horas, realizará a última sesión da semana mañá, en Vista Alegre, ás 9.30 horas. Á ausencia de Bea Mateos, unirase Cami, lesionada ao comezo do partido fronte a Zaragoza a semana pasada. Peque será dúbida de última hora. “Malia as baixas, estamos traballando moi ben, tendo en conta as circunstancias, para conseguir os tres puntos”, advertía a 9 laranxa, Jenny. Como nota positiva, Julio Delgado e Lucas poderán contar coa última incorporación, a ala brasileira Tais Alves. “Será unha grande axuda, está adestrando ben, aínda necesita un tempo de adaptación pero vainos a axudar moito” dicía Jenny.

As mariñás mediranse a un rival que tivo un excelente arranque de liga, con goleada fronte a Guadalcacín (9-2) e empate co actual campión, Jimbee Roldán. “Esperamos un Móstoles moi organizado, con Patri Chamorro como a gran referencia en marcar a súa orde. Sabemos que imos ter dificultades, pero estamos traballando nunha boa defensa e puíndo contraataques para regresar coa vitoria”, explicaba a internacional portuguesa. Precisamente os seus compromisos co combinado luso, non lle permitiron a Jenny compartir o traballo de inicio en Burela, no seu segundo ano de laranxa. “A pretempada é moi importante, pero a convocatoria da selección é irrexeitable” dicía entre risas a ala, confesando que están suplindo a ausencia de case un mes con traballo e dedicación: “O equipo está ben e eu tamén; no Pescados Rubén recuperei a miña esencia como xogadora, como era en Portugal antes de marcharme a Italia, as miñas calidades, sobre todo tacticamente”, puntualizaba Jenny.

De novo coa lusa

A Selección incluíu de novo na súa preconvocatoria a Jenny, que hoxe recibiu a comunicación para participar na concentración programada entre o 21 e 25 de outubro en Madeira, para medirse a Eslovenia.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.