26/10/2018

Defensa do liderado en derbi galego (sábado 27, 20.00 h., TVG2)

Defensa do liderado en derbi galego (sábado 27, 20.00 h., TVG2)
O Pescados Rubén Burela FS defenderá mañá o liderado de Segunda LNFS, arrebatado o sábado pasado ao Real Betis Futsal, en derbi galego, na sétima xornada. Santiago Futsal recibirá os mariñáns en Santa Isabel, ás 20.00 horas, con emisión en directo de TVG2.

“Levamos unha boa racha, cunha boa liña de traballo, así que esperamos mantela no derbi. Non podemos confiarnos, somos líderes cun só punto de vantaxe, así que só nos serve un resultado positivo en Santiago para manter a primeira praza” puntualizaba o peche Lucho, destacando a gran semana de preparación do equipo: “Foi unha semana diferente, tras a esixencia de Copa do Rei tivemos un recuperatorio e onte comezamos co traballo de Santiago. Será un partido moi intenso, é un rival que pode recorrer continuamente a xogar balóns directos á área, é agresivo e pelexa cada balón dividido” puntualizaba o 4 laranxa, con pasado compostelán.

Os de Santi Valladares recibirán o Pescados Rubén na 13ª praza (6 puntos), encadeando dúas derrotas tras os triunfos ante Tenerife (3-2) e Noia (2-3), no fondo da táboa. A pesar desta traxectoria inicial, o xogador do Corgo, que chegou este verán á Mariña procedente do Levante UD de Primeira, advirte da complexidade da cita por todo o que sempre rodea os derbis e co novo escenario de Santa Isabel: “A súa clasificación non pode levarlos a enganos. Unha das claves é saír máis enchudados ca eles porque Santiago acostuma a sacar este tipo de partidos adiante pola motivación extra que ten. Ademais en Santa Isabel, que é un pavillón máis pequeno, a afección apertará máis” avisaba Lucho, prevendo mellora do rival ao longo da tempada: “O club e o equipo están nun proceso de reestruturación, con xente nova que promete. Quizais a falta de experiencia lles fixo perder puntos nalgúns partidos, pero creo que é un equipo bastante competitivo e vai ir medrando co paso das xornadas” opinaba o burelista, confesándose moi cómodo nesta primeira experiencia na Mariña: “Estou moi contento, cómodo no equipo, cos compañeiros e coa confianza de Juanma. Só espero seguir progresando e mellorando para estar o máis arriba co Burela”.

Ambos os equipos xa se mediron no Torneo Burela Bonita en pretempada, nun partido bastante igualado, con 2-1 a favor dos de Juanma Marrube.

Despois de catro semanas afastado das pistas por unha rotura de fibras, Matamoros volverá entrar na convocatoria.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.