29/10/2018

Primeira praza intacta tras impoñerse ao campión

Primeira praza intacta tras impoñerse ao campión
O Pescados Rubén Burela FS segue custodiando a primeira praza, empatado con Penya Esplugues (15 puntos), tras a importante vitoria na casa do actual campión, Jimbee Roldán. “Non arrincamos ben; as sensacións non foron boas nos primeiros minutos pero conseguimos ir de menos a máis, sendo donos do partido, cun 2-5 final, que foi fiel reflexo do xogo que despregamos. Estou moi satisfeito, encadeamos moi bos momentos de xogo”, explicaba o técnico Julio Delgado.

A vantaxe inicial foi para os locais, de Mayte Mateo, pero as galegas puideron neutralizala coa aparición de Peque e Cristina, nun gran minuto de ouro antes do descanso: “Sabiamos que ían saír moi fortes, cunha defensa alta moi sólida, pero aínda así sorprendéronnos porque non saímos todo o concentradas que debiamos” recordaba o adestrador, valorando o traballo do equipo para recuperarse: “Aínda que se puxeron por diante, nun minuto fomos capaces de darlle a volta e creo que iso ao Roldán fíxolle bastante dano”.

”Na primeira parte o rival dispuxo de máis ocasións, quizais mereceron máis, e na estratexia fixéronnos moito dano. No descanso falámolo, axustamos a defensa e melloramos nese aspecto, ademais de despregar un bo ataque. Tan só nos puideron facer gol nos últimos segundos, de cinco para catro”, facía así balance Julio Delgado do desenlace, para maquillar unha renda de 1-5, con dianas de Dany, Lara Balseiro e de novo Cristina.

Semana de Copa Galicia

O Pescados Rubén Burela FS medirase o sábado, na xornada 6, ao Leganés Masdeporte (17.00 horas), na primeira Tarde Laranxa da tempada, coa visita do Manzanares FS, ás 19.30 horas, en Segunda LNFS, como colofón. Con todo, antes deberá pensar en Copa Galicia; o xoves as pupilas de Julio Delgado e Lucas mediranse ao Valdetires FSF (18.30 horas), no segundo e último compromiso de fase de grupos. “É un equipo que está facendo unha boa tempada en Segunda, un firme candidato ao ascenso e debemos afrontalo o máis serio posible. Estámonos xogando o pase á fase final dunha competición que temos ganas de volver gañar” explicaba o adestrador do subcampión galego.

Será unha cita copeira solidaria
; a recadación da taquilla irá destinada á Protectora de Animais Bigotes de Burela, asociación que tamén realizará unha recollida de penso e area para gatos en Vista Alegre durante o encontro.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.