01/11/2018

O Pescados Rubén clasíficase para a fase final da Copa Galicia con festa goleadora (8-1) sobre Valdetires

O Pescados Rubén clasíficase para a fase final da Copa Galicia con festa goleadora (8-1) sobre Valdetires
O Pescados Rubén Burela FS conseguiu esta tarde en Vista Alegre o billete para a fase final da XIII Copa Galicia Feminina fronte ao Valdetires FSF, de Segunda División. As Guerreiras Laranxas, que chegaron ao descanso con vantaxe de 3-0, ofreceron unha mellor versión na segunda parte, con máis velocidade, mellor circulación e máis ocasións, completando a festa goleadora ata o 8-1, fronte a un rival ao que lle puido o aspecto físico co paso dos minutos.

As pupilas de Julio Delgado e Lucas non tatexaron. Antes do ecuador da primeira parte, as Guerreiras Laranxas xa dispoñían dunha vantaxe de 3-0. Tras as dianas temperás de Alves e Dany (minuto 3 e 4), Cristina aproveitou en rexeitamento unha xogada pausada e pensada de Jenny para subir o terceiro. Alves, no 9, e Lara, no 12, volveron poñer moito perigo sobre a rede ferrolá, con Tamara como obstáculo. No minuto 14, a ex do Pescados Rubén Lidia Mesías dispuxo dun dobre penalti para acurtar distancias, que despexou Ana Romero cos puños. Sara salvou o cuarto das laranxas no minuto 17, de Dany, tras pase cruzado de Luci ante a saída da meta ferrolá.

Houbo cambio de protagonismo na custodia das redes, con Jozi e Uxía. Regresaron en avalancha as locais no segundo acto, ampliando a fenda ao 5-0 xa no minuto 22, con selo de Peque e de novo Dany. No 27, Cristina subiu o 6-0, moi atenta ao bordo da liña de meta, a pase de Alves, coa portería baleira. Sara foi a encargada de reducir distancias, no 33, para darlle folgos ao Valdetires. No entanto, as ocasións e o perigo seguiron tendo ton laranxa. No 36, a Jenny tan só lle fixo falta rozar co pé un pase alto ao bordo da área para rubricar o sétimo. O definitivo 8-1 asinouno Lara Balseiro, a falta de pouco máis de dous minutos para o final.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Alves, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Cristina, Peque, Lara Balseiro, Jenny, Jozi

Valdetires FSF: Tamara, Lidia Mesías, Sara, Patri Corral, Jessica, cinco inicial; tamén xogaron Sheila, Alba Rodríguez, Diana, Ainhoa, Uxía

Árbitros: Menéndez Nistal // Coello Martínez (A Mariña). Por Valdetires amarela para Jessica (minuto 15).

Goles: 1-0, minuto 3, Alves; 2-0, minuto 4, Dany; 3-0, minuto 7, Cristina; 4-0, minuto 22, Peque; 5-0, minuto 22, Dany; 6-0, minuto 27, Cristina; 6-1, minuto 33, Sara; 7-1, minuto 36, Jenny; 8-1, minuto 38, Lara Balseiro

Incidencias: Partido correspondente á fase de grupos da XIII Copa Galicia Feminina disputado en Vista Alegre ante arredor de 500 persoas. O presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego, fixeron entrega da recadación íntegra da taquilla á Protectora de Animais Bigotes de Burela.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.