02/02/2019

Unha pedra no camiño para facerse máis fortes

Unha pedra no camiño para facerse máis fortes
Non podía durar sempre. Avisaban durante a semana Juanma Marrube e Renato do perigo do Bisontes Castellón e así foi. Os valencianos demostraron que querían máis, con contundencia e claridade de xogo, e conseguiron romper a imbatilibilidade dos de Juanma Marrube, que a pesar do 0-4 en contra se manteñen na pugna da primeira praza, con 42 puntos, empatados con Betis, tras o 10-2 ante Tenerife.

Os laranxas responsabilizáronse da posesión do esférico, cunha presión asfixiante dos castellonenses, en primeira liña sen facer progresar o balón. Así o rival, non desaproveitou a súa primeira ocasión, no minuto 7, culminada por Txema, que gañou a partida fronte a Lucho e Edu, a pase de Genís. O 0-2 puido chegar na seguinte xogada, cun disparo cruzado David, que case roza o pau. Reaccionaron os laranxas cunha galopada de Iago Míguez, no 8, que salvou Nacho Serra coa man. Aos poucos foron facendo máis incisiva a súa circulación de balón os do Mariskal, xerando moito perigo sobre a rede castellonense. Dunha ocasión de ouro dispuxo R. Vargas, no minuto 15, recibindo un pase longo de Renato, que se lle foi por pouco. Renato, no 19, volveu poñer moito perigo desde saque de banda, nun disparo que non puido rematar Pope, pegado ao pau. Edu, a escasos 10 segundos para a bucina do descanso, despexou co pé a única chegada dos de Manolín, a tentativa de Genís.

Antes de cumprirse o segundo minuto da reanudación, foi precisamente Genís o que ampliou distancias para o Bisontes. Avisou R. Vargas en dúas ocasións, chegaron en galopada primeiro Iago Míguez e despois Juanfran, intentouno Mata desde saque de banda de Joselito... en menos de dous minutos. Volveu á carga o Pescados Rubén, cun roubo de Lucho, que non puido sentenciar Matamoros. Recompensa excesiva recibiron os visitantes, no 28, co 0-3 de Rangel, tras unha eterna loita de rexeites na área de Edu. Con case doce minutos por diante, Matamoros saíu como porteiro xogador. Chegaron un par de ocasións ás mans de Nacho Serra e aproveitou Castellón para ampliar con Juanito a pase de Malawy, con Pope baixo paus. Parecía omnipresente Nacho Serra fronte á avalancha laranxa. Definitivamente a fortuna non estaba hoxe ao lado local; Salah foi o obstáculo de Mata no dobre penalti (minuto 36), a defensa freou a Lucho en dúas ocasións (minuto 37) e Luisma estrelouse coa rede (minuto 38). Así pelexou ata a extenuación o Pescados Rubén sen éxito.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, Juanfran, Pope, R. Vargas, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Renato, Hélder, Iago Míguez, Joselito, Matamoros

Bisontes Castellón FS: Nacho Serra, Rangel, Diego, Malawy, David, cinco inicial; tamén xogaron Tití, Juanito, Pipi, Genís, Txema, Lorca, Salah

Goles: 0-1, minuto 7, Txema; 0-2, minuto 22, Genís; 0-3, minuto 28, Rangel; 0-4, minuto 30, Juanito

Árbitros: Miguel Velasco F. // Miguel Velasco R. (Castela e León). Por Bisontes amarela a Rangel (minuto 16), Pipi (minuto 32)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre preto de 800 persoas.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.