16/03/2019

Un paso máis para o líder fronte a un Rivas que plantou cara (5-2)

Un paso máis para o líder fronte a un Rivas que plantou cara (5-2)
Vista Alegre foi testemuña dun paso máis para o líder nesta recta final de Segunda cara á elite, grazas á eficacia na finalización e a un gran traballo de Edu baixo paus. O Pescados Rubén Burela FS conseguiu unha vitoria moi traballada fronte a un Rivas Futsal (5-2) que plantou cara e contaxiou aos de Juanma Marrube dun xogo de pulos, chegando a desdebuxar a orde laranxa en numerosas fases.

Tan só lle fixeron falta 6 segundos aos mariñáns para poñerse por diante, sorprendendo Porto as filas de Juan José Lozano nada máis comezar. Con todo a vantaxe non lles proporcionou calma e serenidade aos laranxas, que tiveron que sufrir máis do esperado na primeira parte, caendo nas transicións rápidas dos visitantes. Así chegou o Rivas no minuto 6 para poñer táboas, con Daniel a pase de Samu. Juanfran, moi incisivo esta tarde, recuperou a distancia no luminoso tan só dous minutos despois, nun disparo raso que fixo tremer a portería. Tras dúas intervencións sublimes do naronés para manter a renda ante Samu e Ballano e cun rival disposto a ser implacable no roubo de balón, os de Juanma Marrube perdoaron demasiado en finalización antes do descanso, con R. Vargas, Lucho e Luisma, e ata unha vaselina de Matamoros, que se estrelou contra o largueiro.

Volveron ao parqué ambas as escuadras cunha gran presión defensiva. Os pupilos do Mariskal conseguiron conter as ocasións do Rivas, aínda que tamén estiveron condicionados pola imprecisión nos últimos metros. O terceiro burelista asinouno R. Vargas, superado o ecuador da segunda parte, recibindo e facendo un sombreiro para anotar entre as pernas de Juan Conde. Aínda que pouco tardaron en reaccionar os madrileños, nunha estratexia culminada por Daniel, segundos despois (3-2). A falta de tres minutos para o final saíu Edu ante J. De Quadros para frear co corpo o que podería ser o empate, nunha falta de entendemento dos locais, e acto seguido soubo aproveitar Juanfran para subir o 4-2 nun contragolpe con gran definición. Reaccionaron os de Juan José Lozano con xogo de cinco liderado por Fran Conde. Responderon os laranxas con Matamoros para selar a vitoria a 23 segundos da bucina.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Porto, Renato, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Luisma, Juanfran, Pope, R. Vargas, Matamoros, Joselito

Rivas Futsal: Fernández, Dani Gómez, Jorge Lázaro, J. De Quadros, Fran Conde, cinco inicial; tamén xogaron Ballano, Daniel, Samu, Chicho, Rubio, Alberto, Juan Conde

Goles: 1-0, minuto 1, Porto; 1-1, minuto 6, Daniel; 2-1, minuto 8, Juanfran; 3-1, minuto 31, R. Vargas; 3-2, minuto 32, Daniel; 4-2,minuto 37, Juanfran; 5-2, minuto 40, Matamoros

Árbitros: Gómez de Salazar // Ontañón Ramos (Colexio Vasco e Castelán-leonés). Por Rivas amarela para Rubio (minuto 27), Daniel (minuto 29).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 24 de Segunda LNFS disputado en Vista Alegre ante uns 1000 afeccionados/as.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.