03/05/2019

Recoñecemento do Concello de Burela aos Campións

Recoñecemento do Concello de Burela aos Campións
O Concello de Burela recoñeceu esta mañá o grande éxito do Pescados Rubén Burela FS como campión de Segunda LNFS e de novo equipo da elite do fútbol sala. Na recepción oficial celebrada no consistorio, o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, felicitaron a xogadores e corpo técnico, que estiveron acompañados polo presidente laranxa, Manuel Blanco, os vicepresidentes Cesarina Fanego e José Luis Sáez, así como por Rubén Blanco e Conchi Blanco, de Pescados Rubén SL.

Alfredo Llano destacou o esforzo, valentía e calidade demostrada polo equipo, cunha excelente regularidade ao longo da temporada. “Regresades á Primeira División porque o merecedes e ademais de felicitarvos por este gran traballo tamén vos temos que agradecer que difundades o nome de Burela e traballedes polo deporte con estes grandes logros. Todo isto tamén é unha gran motivación para a práctica deportiva dos máis pequenos” explicaba o alcalde.

Pola súa banda, Manuel Blanco agradeceu o apoio do Concello e mostrou o desexo de toda a Familia Laranxa de continuar xogando en Burela e Vista Alegre a vindeira tempada, cun proxecto de reforma das instalacións do que o alcalde avanzou algúns detalles: “Todos fixeron un gran traballo, xunto co adestrador. Picamos pedra e seguiremos picando no noso próximo reto. Para nós é un orgullo representar a Burela; tan só esperamos poder seguir xogando aquí. Tan só nos queda seguir traballando, contando con xente da casa, xente galega, e formar un equipo competitivo para manternos en Primeira División”, explicaba o dirixente laranxa.

Como peche do acto, cada Campión foi obsequiado cun pequeno detalle como recordatorio da xesta do ascenso. Ademais o club recibiu un cadro conmemorativo, cos bos desexos do Concello para a fase final da XXVIII Copa Galicia (6-7 de maio, As Pontes).

Noticias destacadas

Meira regresa ao Burela FS “para escribir unha nova historia e rematar algo que quedou incompleto”

O ala-peche brasileiro, que aportará disciplina táctica, experiencia e continuidade en ataque, é a sexta incorporación do conxunto laranxa

O Burela FS masculino incorpora traballo e velocidade co ala madeirense Marquinho

O portugués, que procede do KS Eurobus Przemysl polaco, convértese na quinta fichaxe do conxunto preparado por David Rial

A burelá Cris Blanco tamén se apunta a Primeira

A ala-peche canteirá, que debutou na máxima categoría con 15 anos, regresa á Primeira Iberdrola “con moitas ganas e ilusión”