2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
10/05/2019
Último derbi galego da liga, con Ourense (19.00 horas, TVG2)
Vista Alegre gozará mañá do último derbi galego de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo. O Pescados Rubén Burela FS recibirá o Ourense Envialia FSF ás 19.00 horas (en directo, TVG2), revivindo a gran pugna polo título irmandiño da Coruña, co que se alzaron as Guerreiras Laranxas. Será unha nova festa do fútbol sala, con entrada gratuíta.

A falta de 4 xornadas para o desenlace, as burelistas continuarán na pelexa polo gran soño, empatadas a 72 puntos con Futsi, no cumio da táboa. O conxunto mariñán volve á liga, tras o descanso polo Torneo Internacional de Moscova, disposto a todo. “Quédannos catro finais por diante para ir a por todas. Tivemos unha semana atípica, sen Peque, Luci e Jenny, pero contamos coa axuda da Fervenza e Rodiles para completar ben os adestramentos e a preparación do duelo”, explicaba a meta Ana Romero.

O Ourense Envialia chegará á Mariña pechando o podio, con 51 puntos, e procurando poñer terra por medio dos seus perseguidores, Jimbee Roldán e Poio Pescamar (50 puntos). Nos dous anteriores enfrontamentos, o marcador foi para as laranxas e ademais sen encaixar goles, con 0-2 na primeira volta e con 0-3 e título na final da XIII Copa Galicia, disputada o 21 de abril na cidade herculina; no entanto Ana Romero non lle pon a ninguén o papel de favorito:
“Cada partido é diferente; hai moita emoción e rivalidade. Os dous equipos xogámonos moito; nós non podemos fallar mirando para a Liga e o Ourense quererá defender a súa praza de cara á Copa da Raíña”, advertía a murciana, depositando os tres puntos nos pequenos detalles e confiando na “concentración e a forza do equipo” para sacar este encontro adiante.

“Temos que ser fieis a nós mesmas. Comezamos esta liga pelexando por un soño e así seguiremos ata o final; temos aí a oportunidade e iso pasa por gañar os catro partidos que nos quedan” confesaba Ana Romero.


Julio Delgado e Lucas non poderán contar con Alves, que continúa o seu proceso de recuperación do xeonllo con traballo individual. Tras o Torneo 9 de Maio de Moscova, as internacionais Jenny, campioa con Portugal, e Luci e Peque, subcampioas con España, chegarán a Burela esta tarde.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 18. Popó, 19. Lucía

Rivais na recta final

Nesta xornada, o Futsi visitará a pista do Poio Pescamar, na quinta praza. Os compromisos para as burelisas nas tres últimas xornadas serán viaxar a Murcia (8º), recibir a UA Alicante (7º) e pechar a liga na casa de Femisport (16º). O Atlético disputará tres duelos madrileños, con Majadahonda (11º), Leganés (12º) e Alcorcón (6º).
Publicidade
X Pechar