25/05/2019

Merecida e sufrida victoria ante UA (3-2)

Merecida e sufrida victoria ante UA (3-2)
O Pescados Rubén Burela FS continúa na fenda e pelexará polo título na última xornada grazas aos merecidos e sufridos tres puntos conseguidos hoxe ante UA Alacinte (3-2). Mariñás e levantinas ofreceron un grande espectáculo en Vista Alegre, nunha cita moi disputada e de gran despregamento físico, que se resolveu por goles na primeira parte e con hattrick de Bea Mateos.

As burelistas non quixeron deixar nada ao azar; sentenciaron a primeira ocasión, no 1’22” de xogo, cun pase de Luci a Bea Mateos ao segundo pau. Máis tarde probaron Cami, por abaixo, e Cilene, de lonxe, cunha meta visitante moi atenta. As brasileiras protagonizaron pouco despois outra de ouro, con recuperación de Cilene e remate de Cami, que freou Jennifer ao bordo da área co corpo. No minuto 8 ampliaron distancias as locais, de novo nas zapatillas da capitá laranxa, nun centro de Cami; antes as alacantinas dispuxeran de dúas boas tentativas, de Mónica e Àngela desartelladas por Jozi e conseguiron recortar no 9 tras unha pugna na área mariñá, cazando o balón Elenita. A falta de catro minutos para o descanso o Pescados Rubén volveu ampliar a renda, co hattrick de Bea Mateos, en galopada pola banda. Con todo as visitantes aproveitaron unha perda para reducir de novo en menos dun minuto, con Àngela. Cami salvou o que podería ser o empate na recta final; tendo aínda tempo Dany de meteórica carreira cun disparo que se foi por pouco.

Antes de cumprirse o minuto 2 do segundo acto, Luci puxo a proba por partida dobre a Jennifer. A meta visitante volveu frear as tentativas das pupilas de Julio Delgado e Lucas, no 25, sacando o pé ante Lara Balseiro. A Bea Mateos, no 29, fóiselle desviado o cuarto, tras un brillante recorte da sempre máxica Cilene. Precisamente, a 6 burelista protagonizou un mísil segundos despois, que despexou de novo a meta visitante. Jozi estivo moi atenta ante as mellores da UA, no 37, que rozou o empate con ocasións de Mónica, Carmen e Ana María. Àngela, sobre a bucina, intentou sorprender á meta brasileira, que salvou coas mans por arriba.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cami, Bea Mateos, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Cilene, Lara Balseiro, Jenny, Popó, Cristina

UA Alicante FSF: Jennifer, Ana María, Elenita, Lara Terrés, Ángela Míngot, cinco inicial; tamén xogaron Carmen, Mónica, Raquel

Goles: 1-0, minuto 2, Bea Mateos; 2-0, minuto 8, Bea Mateos; 2-1, minuto 9, Elenita; 3-1, minuto 16, Bea Mateos; 3-2, minuto 17, Àngela

Árbitros: Vilas López // Cardero Rodríguez (Galicia). Por Burela amarela a Dany (minuto 6), Jenny (minuto 15).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 29 de Primeira RFEF disputado en Vista Alegre ante unhas 400 persoas, coa publicación de terceiro número da Gaceta Laranxa. Peque recibiu o Trofeo Sandoz á Mellor Xogadora 2018-19 de mans do xerente de Kessarys Joyeros, Jorge Orosa, e do presidente laranxa, Manuel Blanco

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.