29/08/2019

Pescados Rubén e o CD Lugo reafirman o seu convenio

Pescados Rubén e o CD Lugo reafirman o seu convenio
A sala de prensa do pavillón Vista Alegre acolleu este mediodía a renovación do convenio de colaboración entre o Pescados Rubén Burela FS e o CD Lugo. A través da devandita rúbrica, ambos os clubs dan un paso adiante no camiño conxunto iniciado en novembro de 2018 en beneficio do crecemento do deporte da provincia, con promocións especiais para os socios laranxas, no Anxo Carro, e dos albivermellos, na Bomboneira.

O presidente laranxa, Manuel Blanco, estivo acompañado polo seu homólogo albivermello, Tino Saqués, para dar a coñecer algunhas das novidades da continuidade deste acordo, que fan fincapé na atención aos socios de ambas entidades. Así, os abonados burelistas poderán adquirir un carné especial no Anxo Carro e a súa condición será a de socio do CD Lugo para todos os efectos (descontos, tenda, promociones, días do club e de interese...); poderán presenciar 6 partidos na cidade amurallada ao longo da tempada por tan só 50 euros (adulto) ou 15 euros (infantil), na bancada de Fondo Sur. Pola súa banda, os socios do CD Lugo terán a oportunidade de gozar do mellor fútbol sala de Primeira LNFS e RFEF en Vista Alegre, presentando a súa credencial albivermella e disporán das mesmas condicións que os abonados mariñáns na Bomboneira (días do club, Copa Galicia...).

“Somos dúas das referencias do deporte profesional e de elite de Lugo e, con esta renovación, queremos seguir traballando na mesma liña para que o deporte da provincia medre e que ambas as afeccións se sintan máis indentificadas cos dous clubs e coñezan o labor que realizamos polo fútbol sala e fútbol” explicaba Manuel Blanco, algo sobre o que incidía Tino Saqués, augurando moitas etapas existosas aínda por percorrer entre mariñáns e lugueses: “Neste novo paso, queremos achegar un pouco máis á dúas afeccións e ás dúas bisbarras. Tan só así, indo da man, ambas as entidades poderemos evolucionar máis e consolidarnos na elite dos dous deportes” explicaba o dirixente lugués, felicitando a estrutura laranxa pola súa gran traxectoria e por ser un grande exemplo da máxima categoría do fútbol sala masculino e feminino.

Este convenio segue contemplando ademais distintas sinerxias como eventos conxuntos, accións de Responsabilidade Social Corporativa compartidas e actividades como "Día de Burela" e o "Día do CD Lugo", con viaxes organizadas ao Anxo Carro, desde A Mariña, e Vista Alegre, desde a capital de provincia. Ambas as entidades tamén reafirmarán as súas forzas conxuntas a través das canles sociais creando contido conxunto co fin de interactuar cos afeccionados de ambos os clubs.

A estrutura do Pescados Rubén Burela FS xa puido gozar dalgúns partidos a tempada pasada para animar os albivermellos, asolagando de laranxa o Fondo Sur. A familia burelista tamén participou en varias visitas a centros escolares da Mariña xunto ao CD Lugo, coa presenza de xogadores e xogadoras en 8 colexios da comarca, compartindo o seu amor polo fútbol sala e o fútbol con máis de 800 alumnos/as. A tempada 2018-19 pechouse co corredor que o Lugo e Dépor brindaron ao Pescados Rubén polo seu ascenso a Primeira División LNFS.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.