18/10/2019

Duelo de opostos en Alacante

Duelo de opostos en Alacante
O Pescados Rubén Burela FS medirase nesta sexta xornada ao Xaloc Alacant nun duelo de opostos entre o podio e o fondo da táboa. Dende a segunda praza e sen erro na súa andadura, as Guerreiras Laranxas saltarán á pista do Pitiu Rochel de Alacante mañá, as 16.00 horas, fronte a un novel na categoría que aínda non conseguiu puntuar e ocupa a última posición. Tamén con 15 puntos, na zona alta Futsi Atlético Navalcarnero e Ourense Envialia terán a compromisos a domicilio de contrastes, fronte ao Majadahonda (0 puntos), penúltimo, e Bilbo FS (3 puntos), antepenúltimo.

“Pola clasificación é un partido accesible e deberiamos traer os tres puntos, pero se imos con ese pensamento temos más que perder que gañar. Nós iremos a por todas, intentando mellorar xornada a xornada” aseguraba a capitá Bea Mateos.

“Xaloc está necesitado de puntos; aos que equipos que soben sempre lles custa, nótase a diferenza entre os conxuntos que xa estamos asentados na categoría e os novos. De todos xeitos, nós agardamos un rival con ganas de pelexar, co aliciente de estar na mellor liga e ademais na súa casa” explicaba a 14 laranxa, incidindo na evolución que está experimentando o Pescados Rubén, reflectida á perfección o sábado pasado en Vista Alegre: “Con Leganés deuse o paso adiante en intensidade que estabamos buscando dende o comezo de liga, tras o gran papel da 4Nations Futsal de Milán e da Supercopa. Oxalá se manteña así a partir de agora”, confesaba a salmantina vendo o inicio dunha liga moi bonita por diante, con moitos candidatos para o cumio: “Futsi sempre está aí, xa o agardabamos así, e Ourense demostra tempada a tempada tamén que é un rival moi complicado. Creo que haberá máis equipos aí na loita como Poio ou UA, a pesar do seu comezo” concluía Bea Mateos.

O conxunto mariñán realizou a última sesión da semana á súa chegada a terras alacantinas, ás 12.30 horas. Luci non viaxou co equipo por motivos persoais.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Jane, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 21. Jenny Lores

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.