14/11/2019

Vista Alegre e os burelistas, en comuñón para que o duelo directo se ilumine de Laranxa

Vista Alegre e os burelistas, en comuñón para que o duelo directo se ilumine de Laranxa
Vista Alegre e os Laranxas buscarán, en comuñón, salvagardar os tres puntos en xogo de mañá, no duelo directo fronte ao Futbol Emotion Zaragoza. Na gran cita, que arrincará ás 21.00 horas, o Pescados Rubén Burela FS pelexará por dar continuidade á senda triunfal iniciada no último compromiso na casa.

“Estamos traballando ben, preparando moi ben a cita ante Zaragoza; sabemos que é moi importante e precisamos o mellor Vista Alegre. Xa o sentimos así con Peñíscola, a afección apoiounos moito e ao final puidemos lograr a vitoria” facía así referencia Luis López, Lucho, ao 2-1 fronte ao conxunto do ex–laranxa Juanlu Alonso, hai dúas semanas.

“É un equipo veterano, ten xogadores moi contrastados en Primeira e sempre é moi complicado, cunha defensa en zona que pode facer pasalo mal ao rival; estamos traballando para intentar contrarrestar iso e pelexar con todas as ganas polos tres puntos porque son verdadeiramente importantes para nós” advertía o xogador do Corgo sobre as fortalezas dos aragoneses.

Ambas as escuadras chegan á xornada 9 na busca da segunda vitoria da tempada pelexando por saír da zona de emerxencia, pechando a táboa. Con 5 puntos, e 1 de vantaxe sobre os da Mariña, o Zaragoza chegará tras o empate con Córdoba (3-3); o cómputo complétano a igualada inaugural ante Peñíscola (4-4) e o triunfo na pista do Jimbee Cartagena (2-3), na terceira xornada. “Creo que vai ser moi disputado, vai estar marcado pola necesidade dos dous equipos, pero creo que aquí Vista Alegre ten que saír vencedor. O ambiente da nosa casa ten que ser clave para dar continuidade ás vitorias, volver coller confianza e comezar así resultados positivos para ir para arriba” adiantaba o 4 burelista, reflexionando sobre a liña a seguir para conseguilo: “Ante a súa defensa en zona, moi correosa, temos que ter unha boa circulación de balón, cubrir ben os espazos na pista e intentar atacar e buscando sempre o dominio en cancha contraria”.

Despois dun calendario cos desprazamentos á pista de todos os todopoderosos, comeza unha nova etapa no regreso burelista á elite. No entanto, o peche tan só quere oír falar polo momento do rival deste venres: “Tan só podemos pensar agora mesmo en Zaragoza. É duro, xa o sabiamos, pero estamos cun bo xogo, medrando pouco a pouco. Creo que todos podemos dar un pouco máis, empezando por min mesmo, sobre todo de cara ao gol e tamén creo que estamos no camiño correcto, tan só precisamos confianza para seguir mellorando partido a partido tanto indiviual como colectivamente” puntualizaba Lucho.

A excepción de Iago Míguez e Amoedo, Juanma Marrube poderá dispoñer de todos os seus efectivos para o partido, se non hai cambios. O último adestramento está previsto para mañá, en Vista Alegre, ás 11.15 horas.

Kaluza, outra vez con Polonia

O meta Michal Kaluza volverá concentrarse coa Selección Polaca a principios de decembro, para medirse os días 2 e 3 a Serbia.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.