22/11/2019

Penya Esplugues-Pescados Rubén, broche da xornada 11 (domingo 24, 13.30 horas)

Penya Esplugues-Pescados Rubén, broche da xornada 11 (domingo 24, 13.30 horas)
O Pescados Rubén Burela FS pechará os compromisos da xornada 11 de Primeira Feminina este domingo ás 13.30 horas na complicada pista de Penya Esplugues, sexto clasificado. A cita poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de YOUTUBE -Ligazón- do conxunto local.

“Imos a unha pista cun rival coñecido, moi comprometido, que sempre esixe moitísima concentración. Así esperamos o partido, querendo demostrarnos a nós mesmas o máximo nivel para regresar cos tres puntos” advertía a meta Joziane de Oliveira, dun Penya Esplugues que recibirá as mariñás con 19 puntos no seu haber e con ganas de volver ao bo camiño, truncado a semana pasada na pista do Zaragoza (4-1), tras cinco triunfos consecutivos.

Pola súa banda, as pupilas de Julio Delgado e Lucas afrontan a cita na segunda praza (28 puntos), con desvantaxe sobre Futsi, tras o empate da semana pasada na visita do Alcorcón (2-2): “Non estamos cento por cento contentas porque sabemos que podemos render moito máis; esperamos recuperar a nosa mellor versión esta semana. Temos un grupo moi competitivo. O empate con Alcorcón non era o esperado. Nós esixímonos moitísimo e sabemos que podemos dar máis; así que deixamos atrás ese resultado e agora estamos traballando pensando en seguir sumando de tres en tres cada xornada” reflexionaba Jozi.

Como rival directo e liderando a táboa, o Atlético Futsi Navalcarnero (30 puntos) recibirá esta semana ao Zaragoza (17 puntos), sétimo, antes de visitar Vista Alegre o sábado 30. “Miramos tamén para Futsi, é unha cita marcada no calendario, pero a concentración está plenamente neste partido, con Esplugues; é un bo rival que nos vai a sacar todos os factores que necesitaremos para o Clásico, sen dúbida” puntualizaba a brasileira. Na terceira praza, Ourense (25 puntos) tamén xogará como local, ante o cuarto, Alcorcón (22 puntos).

A expedición laranxa partirá mañá ás 8.30 horas desde Burela.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.