23/11/2019

O Parrulo 4-1 Pescados Rubén

O Parrulo 4-1 Pescados Rubén
O Pescados Rubén Burela FS fixo méritos para máis no gran duelo irmandiño de Primeira Masculina na casa do Parrulo (4-1). Saíron moi ben os de Juanma Marrube, con máis ocasións, aínda que sen éxito nos metros finais, e os ferroláns aproveitaron para adiantarse nas proximidades do descanso, nunha tentativa de despexe visitante. Ao regreso atoparon unha nova vantaxe os de Héctor Souto; a escuadra da Mariña reduciu distancias nun dicir amén pero tamén perdoou tres ocasións moi claras para o empate e co xogo de cinco, xa con 3-1 en contra, non obtivo o acerto necesario, co 4-1 sobre a bucina.

Saltou o Pescados Rubén cunha grande intensidade con pouco marxe de manobra dos parrulos. Renato protagonizou a primeira e con moito perigo xa no minuto 2. Lucho e R. Vargas aliáronse no 5 para asediar a meta ferrolá, con rexeite de Matamoros, pero non houbo éxito. Segundos despois, o xogador do Corgo tampouco puido finalizar a falta de Renato. Edu estivo moi atento nunha das primeiras chegadas dos locais, nas zapatillas do ex dos laranxas Iago Rodríguez, no 6. O de Narón volveu responder á perfección fronte a Saura e Rahali superado o ecuador do primeiro acto, cunha cita máis equilibrada en ambas as filas. A fortuna deulle as costas ao conxunto mariñán no 18, cun lanzamento de Adri, que estreou o luminoso en tentativa de Joselito por desviala no segundo pau. Illi volveu frear aos mariñáns co pé o disparo de Matamoros e unha volea posterior.

Tras unha primeira parte na que os burelistas mereceron máis ante un Illi moi acertado, con tan só 40 segundos da segunda, Saura subiu o 2-0 nunha rápida chegada de Rahali. Con todo, os laranxas non se minguaron e en menos dun minuto Everton reduciu, co 2-1. Pope freou a tentativa do Parrulo e na contra fóiselle alta a Álex Diz no 26. Que mágoa!!! En menos dun minuto, o 22 mariñán rouboulla a Adri na pista local e a punto estivo de atopar o empate. Volvía merecelo o Pescados Rubén e de novo perdoou, noutra recuperación de Diz e errou Luisma, moi preto do pau.

Con case nove minutos por diante, os de Juanma Marrube tiveron que facer fronte tamén á acumulación de faltas. E foi cando O Parrulo anotou o terceiro, nun saque de banda de Adri que selou Saura. Burela reaccionou con xogo de cinco abandeirado por Everton; intentouno o propio brasileiro de lonxe e máis tarde Renato e Álex, sen fortuna. Edu fixo acto de presenza no 36 ante Saura en dobre penalti para manter a loita dos laranxas. Continuou con Joselito como porteiro xogador. Mata, de costas sobre a meta, tivo o segundo e o despexe, a falta de 6 segundos, subiu o 4-1 O Parrulo, a porta baleira.

Ficha técnica

O Parrulo Ferrol FS: Illi, Adri, Saura, Rahali, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Iago Rodríguez, Iván Rumbo, Diego Núñez

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Joselito, Matamoros, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Lucho, Luisma, R. Vargas, Pitero, Everton

Goles: 1-0, minuto 18, Joselito (p.p.); 2-0, minuto 21, Saura; 2-1, minuto 22, Everton; 3-1, minuto 32, Saura; 4-1, minuto 40, Iván Rumbo

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Ferrol amarela para Illi (minuto 5), Saura (minuto 38). Por Burela amarela para Pope (minuto 10)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Primeira División disputado no pavillón A Malata de Ferrol. Ambas as escuadras portaron ao comezo unha pancarta polo 25N, en contra da violencia de xénero, iniciativa da RFGF.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.