30/11/2019

Ao Clásico sóbralle minuto e medio

Ao Clásico sóbralle minuto e medio
Vista Alegre e o Pescados Rubén non puideron celebrar ao grande o desenlace do Clásico esta tarde. As Guerreiras fixeron de todo; competiron, remontaron o tanto das madrileñas e xeraron ocasións, pero tamén perdoaron nos últimos metros e iso penalizou ante calidade do Futsi Atlético Navalcarnero, que se apropiou do partido no último minuto e medio (2-3), con xogo de cinco, na primeira derrota mariñá.

Ana Romero mostrouse impasible nos primeiros achegamentos das de Andrés Sanz. No minuto 4, Futsi xa acumulaba as cinco faltas, parecía que o partido se vía obrigado a tomar outros camiños, pero a sexta resistiuse. Jane caeu nas proximidades da área de Belén de Uña, puido contraatacar Peque pero non houbo fortuna. Futsi sacou a vantaxe a falta de 28 segundos para o ecuador do primeiro acto, cunha xogada de Anita Luján que lle serviu a Leti. Jane no 11 non superou o cara a cara fronte á meta madrileña. Pouco despois Ari salvou en última instancia nun sombreiro de Jenny Lores. Ale de Paz tamén puxo a proba á meta visitante, nunha gran chegada de Peque. Cumpríase o 13 de xogo. E por fin chegou a diana laranxa no 17, de Dany, cazando o rexeite de Ale de Paz. Bea Mateos a punto estivo de atopar o segundo acto seguido, de novo ante unha Belén de Uña moi oportuna. Ju Delgado cometeu a sexta con 57 segundos por diante para o descanso, pero a meta do Futsi sacou a perna para evitar a vantaxe burelista no dobre penalti ante Lara Balseiro.

A 11 burelista estívoo buscando con empeño e atopouno aos 29 segundos do reinicio, perforando a meta de Marta Balbuena a pase de Peque. A mellor do Futsi tívoa a ex das laranxas Gaby, no 28, que non a recolleu pegada ao pau; as burelistas frearon o momento máis perigoso das visitantes con Jozi ante Ari. Recuperaron fol nos últimos metros as mariñás sobre o 30, con Jenny primeiro e máis tarde Dany. Marta Balbuena sacou pouco despois o pé ante unha moi boa da 3 burelista. Con pouco máis de cinco minutos para a bucina final, Futsi cargouse de faltas e optou por xogo de cinco para pelexar pola defensa do liderado ante o segundo da táboa. Chegou a sexta no 36 con falta de Gaby sobre Cilene; de novo foi Lara Balseiro a encargada do dobre penalti. Que mágoa! Non puido materializarse o terceiro topándose co pé de Belén de Uña, de novo en pista. Mantívose férrea a defensa local fronte á porteira xogadora e subiu tamén a quinta das laranxas a falta de 1’59”. Final trepidante, como sempre prometen os duelos entre galegas e madrileñas. Con 1’30” aínda de xogo, Leti selou o empate nunha incursión de Ju Delgado que se lle escapou a Jozi e puido aproveitar a 7 visitante pegada ao pau. A reacción das de Julio Delgado tamén foi de cinco, abandeiradas por Bea Mateos. Ame Romero, de novo con Ju Delgado, aferrouse ao cume de Primeira cunha diana a falta de 35 segundos, que tocou Jozi, aínda que non puido parala.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Cilene, Peque, Jane, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Jenny Lores, Jenny, Bea Mateos, Luci, Lara Balseiro, Jozi

Futsi Atlético Navalcarnero: Belén de Uña, Ari, Leti, Ju Delgado, Ame Romero, cinco inicial; tamén xogaron Anita Luján, Gaby, María Sanz, Marta Balbuena

Goles: 0-1, minuto 10, Leti; 1-1, minuto 17, Dany; 2-1, minuto 21, Jane; 2-2, minuto 39, Leti; 2-3, minuto 40, Ame Romero

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Burela amarela a Ale de Paz (minuto 22) e Jane (23)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante unhas 1000 persoas. A cita contou coa presenza da seleccionadora española, Clàudia Pons, e o seleccionador de Portugal, Luís Conceição, ademais do deputado de Deportes de Lugo, Efrén Castro, o xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, o alcalde e o concelleiro de Deportes de Burela, Alfredo Llano e Ramiro Fernández, o edil barreirense Antón Veiga e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, entre outras autoridades.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.