20/12/2019

Un novel para despedir 2019, a domicilio

Un novel para despedir 2019, a domicilio
As Guerreiras pecharán o seu periplo de 2019 este domingo a domicilio na pista dun novel. O pavillón San Ignacio acollerá a última cita da primeira volta ante o Bilbo FS (12.00 horas), un rival que ocupa a antepenúltima praza, con 6 puntos.

A expedición mariñá partirá mañá ás 14.30 cara ao seu último destino de 2019. Dany non poderá participar por molestias nun xeonllo. Tampouco estarán Jane, por trámites burocráticos no seu país, nin Cilene, que hoxe defenderá a Brasil na final da Copa América. Para Jenny Lores iso non é obstáculo: “Fáltannos tres xogadoras importantes, pero hai equipo suficiente para saír a por todas, ademais o regreso de Cristina está axudando moito” advertía a 21 do Pescados Rubén Burela FS, ante un rival que só puido impoñerse ante Penya Esplugues (4-3, xornada 2) e empatar con Móstoles (3-3, xornada 8), Burgas (1-1, xornada 10) e Roldán (2-2, xornada 13).

“É complicado ascender e manterse nunha liga tan competitiva coma esta; o salto entre Segunda e Primeira é grande e os equipos necesitan reforzarse moi ben. Con todo, nós non nos confiamos, non baixamos os brazos nin viaxamos pensando que vai ser un partido doado pola diferenza na táboa. Non podemos relaxarnos, pode ser un partido trampa” apuntaba Jenny Lores.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 5. Cristina, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores

Duelo no podio. Con 42 puntos e no cume, Futsi Atlético Navalcarnero pelexará por manter a súa renda de 5 puntos sobre as laranxas no seu duelo co terceiro, Ourense Envialia (35 puntos).

Novo chamamento coa Vermella. “Cada vez que recibo unha convocatoria é unha alegría. Aquí xa estou adestrando coas mellores xogadoras, pero para min é un auténtico luxo poder facelo ademais coa Selección, e o mellor do mellor de España. Vives un grande ambiente, é un privilexio”, así se manifestaba Jenny nunha meta máis por diante coa Vermella, e tamén con Peque, estreando 2020 en Vila Real fronte a Portugal (14-15 de xaneiro).

Desexos para 2020. “Creo que as incorporacións nos adaptamos moi ben ao equipo e ao sistema e só quero seguir traballando así e aprendendo para chegar a ser unha xogadora importante”, así se confesaba a pontevedresa.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.