14/01/2020

Festa de Copa en Vista Alegre, con 7-1 sobre O Parrulo

Festa de Copa en Vista Alegre, con 7-1 sobre O Parrulo
Vista Alegre viviu unha festa goleadora de Copa do Rei co triunfo de oitavos no derbi irmandiño ante O Parrulo FS (7-1) e engalanada co debut dos xuvenís Quelle e Renato Rodrigues. Tres dianas en tres minutos, entre o 26 e o 29, ampliaron a lixeira vantaxe do 2-1 ao descanso dos de Juanma Marrube, nun partido moi traballado e seguindo a inercia experimentada ante Magna, para achegarse con tranquilidade á seguinte rolda e completando co 7-1. A eliminatoria de cuartos disputarase entre o 11 e o 12 de febreiro; os tres encontros previstos para mañá completarán a lista de protagonistas, con Betis, Talavera, Cartagena e Santa Coloma clasificados xa hoxe xunto aos da Mariña.

RESULTADOS. Ligazón RFEF

A maxia do 10 burelista abriu o electrónico no minuto 4, ao grande, desde saque de esquina de Joselito. Pope intentouno nada máis saltar á pista, ante un Illi moi atento que a sacou co pé, no 5. Nos seguintes compases, Diego Núñez evitou o segundo laranxa baixo paus cun lanzamento de Joselito, case desde media pista. Mata, no 7, dispuxo da pena máxima, pero o disparo raso foi a parar ás mans do meta ferrolán. A piques de chegar ao ecuador e con cinco faltas, os de Héctor Souto atoparon o revulsivo necesario, co empate, nas zapatillas de Hélder, que empuxou unha tentativa de Adri. Pelexaron os do Mariskal para recuperar a vantaxe. Probaron Renato e Lucho sen fortuna; intentouno Mata ante un pé de Illi, que de novo freou dúas de ouro dos mariñáns, no 13, en dobre penalti do 10, e no 15, de Álex Diz. Entre elas Adri fixo tremer a rede de M. Kaluza, pero estábano merecendo os locais e chegou no 15, cun pase de Álex Diz desde o lateral que cazou prodixiosamente Luisma ao segundo pau. Que mágoa! Aínda coa celebración do 2-1, o terceiro estrelouse contra o pau nunha chilena de Pope.

Volveron ao parqué as dúas escuadras con perigo; o primeiro en avisar foi Pitero e respondeu Diego Núñez. Os da Mariña romperon o partido; conseguiron dar tranquilidade ao marcador con dúas aparicións maxistrais no 26 e 27, con Álex Diz a pase de Luisma, e Matamoros de lonxe con Pope merodeando a rede. O 22 laranxa subiu o 5-1 con máis de 11 minutos aínda por diante, sorteando a defensa parrula, e pouco despois Pope, asistido por Renato, subiu o sexto. Non puideron acurtar distancias os de Héctor Souto, no 32, con Adri e Iván Rumbo e tampouco no dobre penalti de Adri, no 34, que desartellou Kaluza. Tras a segunda amarela a Kevin, Renato rubricou o 7-1, no 36, a balón parado.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, Pitero, Matamoros, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Joselito, Luisma, Álex Diz, Pope, Quelle, Renato Rodrigues

O Parrulo FS: Illi, Adri, Saura, Miguel, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Iván Rumbo, Raúl, Diego Núñez, Kevin Chis, Miguel Caeiro, Yago Tenreiro

Goles: 1-0, minuto 4, Matamoros; 1-1, minuto 10, Hélder; 2-1, minto 15, Luisma; 3-1, minuto 26, Álex Diz; 4-1, minuto 27, Pope; 5-1, minuto 29, Álex Diz; 6-1, minuto 30, Pope; 7-1, minuto 36, Renato

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Burela amarela a Pope (minuto 5), Joselito (minuto 17), Lucho (minuto 24), Renato (minuto 34). Polo Parrulo amarela a Raúl (minuto 5), Saura (minuto 10), Kevin Chis (minuto 26 e 36), Illi (minuto 36).

Incidencias: Partido correspondente a oitavos de Copa do Rei disputado en Vista Alegre antes uns 900 afeccionados/as, coa presenza do vicepresidente da RFGF, Carlos Méndez, e o responsable do CGFS, Pablo Prieto, ademais do xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, entre outras autoridades.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.