17/01/2020

Levante, destino para pechar a semana ao grande

Levante, destino para pechar a semana ao grande
Levante será o terceiro rival do Pescados Rubén Burela FS en tan só oito días. Tras o importante empate ante Magna (2-2) e a clasificación para cuartos de Copa do Rei ante O Parrulo (7-1), os pupilos de Juanma Marrube afástanse de Vista Alegre para pechar a semana ao grande en Valencia, o domingo, no municipal de Paterna (12.00 horas).

“É unha semana dura e esixente. Estou moi contento de gozar destas oportunidades e creo que respondín ben. Sigo traballando para ter máis minutos sobre a pista” explicaba o meta Míchal Kaluza, que debutou no mausoleo laranxa e por partida dobre, ante navarros e ferroláns.

Está sendo unha semana de recompensa ao esforzo, implicación e compromiso do vestiario, sen dúbida. Con este ronsel, o Pescados Rubén Burela chega reforzado, sendo fiel á filosofía do Mariskal, malia contar co hándicap dos efectivos; con 10 puntos e 1 partido menos, os galegos pelexarán por saír da zona de urxencia, empatados con Aspil Jumpers e Zaragoza. “Estamos ben, demostrámolo nos últimos partidos. Todo o equipo está ilusionado con esta segunda volta, podemos facer grandes cousas coa axuda dos novos xogadores” explicaba o porteiro polaco.

Os burelistas esperan a un rival agresivo e con moitas ganas, que está pelexando por estar entre os mellores. Levante chega á cita na sétima praza (23 puntos) tras o empate de liga con Córdoba (3-3) e doído tras despedirse da aventura do Rei, coa derrota ante Peñíscola (6-3). Con todo, Kaluza confía na Alma Laranxa: “O domingo podemos conseguir os 3 puntos, sen dúbida, se mantemos a dinámica e aptitude de traballo”, advertía o 24 mariñán dun rival co que o conxunto de Juanma Marrube estreou a súa cuadrícula, con 1-1.

Desde a súa chegada a España, Míchal compatibilizou as súas responsabilidades burelistas con varias concentracións da Selección Polaca; o día 26 volverá partir rumbo a Malta. “Cada convocatoria para é unha honra para min; temos por diante o reto da clasificación para o Europeo” explicaba o meta, que partirá esta noite, ás 22.00 horas, xunto ao resto da expedición cara a terras valencianas.

Martes 21, sorteo de Copa do Rei. Os mariñáns coñecerán a identidade do seu rival de cuartos de Copa o vindeiro martes. O sorteo da RFEF decidirá os enfrontamentos e escenarios; xunto a Pescados Rubén Burela FS, clasificáronse FC Barcelona, Servigroup Peñíscola, Jaén Paraíso Interior, Santa Coloma e Jimbee Cartagena, de Primeira, ademais de Real Betis Futsal e Talavera, de Segunda.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.