25/02/2020

Brillo laranxa na pugna pola final galega fronte ao Amarelle (1-10)

Brillo laranxa na pugna pola final galega fronte ao Amarelle (1-10)
As pupilas de Julio Delgado e Lucas non quixeron deixar nada ao azar. O Pescados Rubén Burela FS aliouse á perfección coa intensidade, seriedade e concentración para encamiñar o primeiro envite de semifinais da XIV Copa Galicia esta mañá na pista do líder de Segunda, Viaxes Amarelle FSF, e facer reinar o brillo laranxa goleador ata o 1-10. Vista Alegre acollerá o encontro de volta o 18 de marzo. A final está prevista para o 11 de abril.

Xa no primeiro acto, as mariñás conseguiron unha vantaxe de 0-6. Tras os tantos temperáns de Cilene, nun disparo frontal axustado ao pau xa no 1 de xogo, e Lara Balseiro, dende saque de esquina no 3, ampliaron distancias Peque no 7, de novo a viveirense no 13 e Jenny Lores no 18. Nos últimos compases antes do descanso, o saque de falta burelista deu en María Gómez antes de perforar a rede.

Chegando ao ecuador do segundo acto, Jenny recolleu na área herculina para subir o 0-7, engalanado con dobre diana de Ale de Paz (minutos 30 e 32) e unha vez máis coa maxia de Cilene (32). O Amarelle tan só puido batir a meta das mariñás, pouco despois, nun contragolpe, para subir o gol da honra.

Na outra semifinal, a ida entre Poio Pescamar FSF e Ourens Envialia decidirase hoxe na pista pontevedresa a partir das 20:00 horas.

Rumbo a Roldán para o sábado

As Guerreiras pecharán a semana o sábado, coa xornada 22 na pista do STV Roldán (12.00 horas, en directo por 7TV).

Ficha técnica

Viaxes Amarelle FSF: Tamara, Yaiza, Patri, Patri Romaní, María, cinco inicial; tamén xogaron Irune, Mónica, Inés, Nuria

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Cristina, Cilene, Peque, Lara Balseiro, cinco inicial; tamén xogaron Lores, Jenny, Dany, Luci, Ale de Paz

Goles: 0-1, minuto 1, Cilene; 0-2, minuto 3, Lara Balseiro; 0-3, minuto 7, Peque; 0-4, minuto 13, Lara Balseiro; 0-5, minuto 18, Jenny Lores; 0-6, minuto 19, María (p.p.); 0-7, minuto 27, Jenny; 0-8, minuto 30, Ale de Paz; 0-9, minuto 32, Ale de Paz; 0-10,minuto 32, Cilene; 1-10, minuto 33, Inés

Árbitros: Dans Rey // Moreira Bermúdez

Incidencias: Partido correspondente á ida de semifinais de XIV Copa Galicia disputado no Sagrada Familia da Coruña

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.