27/02/2020

Con boas sensacións para visitar Roldán

Con boas sensacións para visitar Roldán
Tras o triunfo incontestable en ida de semifinais de XIV Copa Galicia ante Viaxes Amarelle (1-10), o Pescados Rubén Burela FS pechará a semana o sábado coa xornada 22 de Primeira, no longo desprazamento á pista de STV Roldán, no ecuador da táboa. A cita do Gabriel Pérez poderá seguirse en directo a través de 7TV e a web de CRTVG.

“Temos que dar continuidade a esta dinámica. Levamos dous partidos moi bos, estamos finalizando mellor, que estaba sendo o noso talón de Aquiles. Se saímos coa mesma intensidade e afinación que nos últimos partidos as cousas van ir moi ben esta xornada” contaxiaba así as boas sensacións do vestiario laranxa a pontevedresa Jenny Lores, con olfacto goleador nos compromisos máis recentes, tanto en liga como en Copa Galicia.

Na primeira volta, as mariñás atoparon a medida para bater as filas do Roldán,

cun claro 6-0. “Sufriu a baixa importante da capitá e notouno moito no aspecto defensivo. É un equipo de xogadoras novas, moi físicas. Co paso das xornadas viuse a súa evolución”, advertía a 21 burelista do oitavo clasificado (30 puntos), que só sucumbiu nesta segunda volta ante Ourense Envialia (0-3), incidindo no traballo constante para seguir mellorando nos últimos metros, desde a segunda praza (58 puntos).

O conxunto burelista realizará a última sesión hoxe ás 17.30 horas antes de poñer rumbo a terras murcianas pola noite, ás 23.00 horas.

Expedición provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 17. Ale de Paz, 19. Luci, 21. Jenny Lores

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.