2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
03/08/2020
Dany Domingos renova con Pescados Rubén
A hispano-brasileira Dany Domingos tamén continuará con Pescados Rubén Burela FS para seguir ocupando o posto de pivote do equipo. Sendo unha das xogadoras que máis tempo leva no proxecto laranxa, cóntanos como ve ao equipo no comezo desta nova tempada e cales son os seus obxectivos.

O comezo desta nova tempada chega de forma atípica, pero Dany non só é consciente da responsabilidade do equipo tras a vitoria no campionato de liga, senón que se mostra positiva e confiada no equipo. “Seguiremos traballando duro para que o título volva quedar en Burela”. Aínda que, por suposto, é consciente dos obxectivos globais do club. “O obxectivo é gañar todos os títulos que haxa durante toda a tempada e ser o mellor equipo de España. Este é o noso obxectivo e imos loitar moitísimo por conseguilo”.

Non só espera grandes cousas por parte do equipo, senón que tamén se marcou unha serie de obxectivos persoais. “Atópome moi motivada, con ganas de que comece e poder axudar a todas as miñas compañeiras e equipo a gañar todo o que sexa posible”.

Iso sí, mentres a súa mirada se mantén no futuro do equipo, tampouco esquece Sao Paulo, a súa cidade natal, e a todas as persoas que loitan día a día co covid-19. “Sigo vivindo esta situación con moita precaución e coidado. Falo a diario coa miña familia de Sao Paulo. Son uns momentos nos que debemos apelar á responsabilidade de todos. Tan só agardo que saiamos de todo isto axiña”.
Publicidade
X Pechar