04/08/2020

Sandra Buzón nova fichaxe de Pescados Rubén

Emocionada co seu inicio no proxecto laranxa, a xogadora ten claros algúns dos obxectivos que espera cumprir na súa nova etapa
Sandra Buzón nova fichaxe de Pescados Rubén

A Familia Laranxa segue aumentando, nesta ocasión coa porteira de 23 anos Sandra Buzón, que compartirá responsabilidades coa hispano-brasileira Jozi a vindeira tempada. Chegada do CD Leganés FS, onde militou os tres últimos exercicios, finalmente convértese na primeira incorporación do Pescados Rubén Burela FS.

Emocionada co seu inicio no proxecto laranxa, a xogadora ten claros algúns dos obxectivos que espera cumprir na súa nova etapa deportiva. “Espero conseguir a miña mellor versión, tanto a nivel físico como a nivel táctico e, unha vez conseguidos eses dous propósitos, axudar ao equipo a manter a liña de triunfos que o caracterizan”.

A nova “4” laranxa móstrase alegre con esta oportunidade e recalca algúns dos puntos que máis chamaron a súa atención sobre o equipo. “O que me atraeu de xogar en Pescados Rubén Burela FS foi a súa profesionalidade e a súa esixencia. Precisaba saír da miña zona de confort e asumir novos retos para seguir medrando no persoal e no deportivo”.

Enfrontándose a un novo reto á hora de cambiar de localidade, a porteira xa compartiu as súas primeiras sensacións. “A primeira impresión sobre esta nova localidade superou as miñas expectativas, aínda que tamén é certo que despois de tres anos vivindo en Madrid o cambio é importante e supoño que ao longo dos primeiros meses o vou notar”.

Con ánimo, con ganas de empezar e decidida a chegar ao máis alto, a porteira non dubidou en enviar unha mensaxe. “Creo que este parón nas nosas vidas ensinounos a gozar con máis intensidade de todas as cousas que nos gustan e que botamos de menos todos estes meses. Volve o futsal e con el unha nova tempada chea de ilusións e retos que espero que compartamos xuntos”.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.