2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
07/08/2020
O adestrador Julio Delgado confirma a súa renovación con Pescados Rubén
A Familia Laranxa enorgullécese de anunciar a renovación de Julio Delgado, que continuará adestrando ás Guerreiras un ano máis. Con intención de celebrar este momento tan especial, tivemos ocasión de coñecer un pouco mellor ao técnico nunha entrevista na que falou sobre o seu equipo humano, os títulos e mesmo as expectativas para esta nova tempada.

O adestrador bota a vista atrás e lembra con gran agarimo a Ana Romero, aínda que mostra a súa gran confianza na nova porteira, Sandra, unha das últimas incorporacións. “A Sandra Buzón seguíamola desde hai tempo, poderanos axudar moito en portería para suplir a baixa de Ana Romero; e Elena Aragón achegará xuventude e agresividade. Creo que no aspecto defensivo imos mellorar moito”.

En canto ás novas incorporacións que se unen ao proxecto de Pescados Rubén, o adestrador móstrase confiado para a nova tempada. Iso si, non esquece que as expectativas para o club son moi altas: “Tivemos moitas alegrías deportivas este ano: Copa
Galicia, Copa de SM A Raíña, Recopa, Supercopa e Liga. Son moitos títulos acumulados nos últimos meses. Non deixamos soñar. O club está facendo unha aposta moi importante e os obxectivos seguen sendo os mesmos: loitar por todos os títulos, gañar, gañar e gañar. O camiño é duro, hai moitos meses detrás de traballo e esa é a gran recompensa, o recoñecemento dos títulos”.



Enfocado en volver a alcanzar a vitoria co equipo, o adestrador desfaise en eloxios cando fala do seu corpo técnico. “Estou rodeado dun gran grupo humano e isto fai moito máis doado o traballo. Estou moi orgulloso deste corpo técnico; podo dicir que despois de tantos anos no fútbol sala é o mellor co que traballei, sobre todo pola complicidade que temos”.

No que respecta á volta desta nova tempada sabe que será atípica, e está seguro de que o papel da afección será insubstituíble. “Sen dúbida será un deporte diferente. Estamos afeitos a estar arroupados constantemente por unha afección que é referencia nacional e internacional; vivino como xogador e desde hai anos como adestrador. Sen esa afección vai ser moi diferente”.

A pesar dos obstáculos que poidan atoparse nesta nova tempada, o técnico manda unha mensaxe de ánimo aos seguidores: “Imos traballar para brindarlles todo a eles. Se ao final non poden estar en Vista Alegre imos facer todo o posible para que a nosa calor e o noso traballo lles chegue igualmente”.
Publicidade
X Pechar