2020/21 Club deportivo Burela Fútbol Sala Único club con equipos masculino e feminino en primeira división
Pescados Rubén
Novas
11/08/2020
#Pioneras: O convenio de Pescados Rubén Burela FS, un paso adiante no deporte feminino en España
Desde Pescados Rubén Burela FS falarémosvos de institucións e persoas pioneiras na loita pola igualdade no deporte feminino por medio da campaña #Pioneras.
Pescados Rubén Burela FS, xunto ás súas xogadoras do primeiro equipo, converteuse en decembro de 2018 nun club pioneiro no deporte español ao asinar o primeiro convenio colectivo de fútbol sala feminino. Desta forma o equipo converteuse no primeiro en contar cun convenio colectivo de profesionais do deporte feminino en España.

A firma significou unha aposta do club polas súas xogadoras, polo deporte feminino e pola igualdade nun ámbito tan transversal e importante na nosa sociedade como é o deporte. Este avance na igualdade foi o resultado dun importante acordo entre o club, as xogadoras do equipo e a Asociación de Xogadoras de Fútbol sala Feminino. Un acordo que, esperemos, tamén poidan repetir outros equipos femininos desta e outras competicións.

“Levamos anos traballando neste sentido, pola igualdade e polo profesionalismo do noso equipo feminino e este convenio é a mostra definitiva do camiño andado. Dentro da nosa estrutura non é un feito histórico, é un feito lóxico, co convenio non facemos máis que plasmar por escrito unha realidade do noso club e pensamos que debería converterse na normalidade do noso deporte”, comentaba no momento da firma Manuel Blanco, presidente de Pescados Rubén Burela FS.

Os dereitos recoñecidos no convenio asinado por Pescados Rubén Burela FS



Os dereitos recollidos e aceptados polo convenio colectivo do Pescados Rubén Burela FS permiten profesionalizar o persoal, creando unha rede de seguridade para que as deportistas poidan dedicarse unicamente á súa actividade deportiva profesional.

Este convenio garante un salario mínimo de 900 euros con subida do dous por cento anual, con seguros de accidentes e invalidez, compartindo o club os dereitos de imaxe coas xogadoras. Ademais do económico, o convenio asegura a súa continuidade coa renovación automática en caso de embarazo.

Por outra banda, inclúense vacacións en datas sinaladas, dereito a dez días de asuntos propios (por coidado de fillos ou maiores, por exemplo) e axudas para conciliación familiar como as inscricións a garderías.

“É un momento histórico, o momento das xogadoras deste club, é un momento histórico para o fútbol sala pero tamén para o deporte feminino en xeral”, recoñecía Natalia Orive, presidenta da AJFSF, no momento da firma do convenio.

Unha aposta do club traducida en grandes éxitos



Apostar polo fútbol feminino e o seu equipo asinando este convenio, convertendo ao Pescados Rubén Burela FS no primeiro equipo feminino de fútbol sala profesional de España, resultou completamente frutífero para o club en termos de logros deportivos.

Tan só un ano despois de asinar o convenio, o Pescados Rubén Burela FS e o seu equipo, coñecido pola súa afección como as “guerreiras laranxas”, son as actuais campioas da 4 Nations Futsal, a Supercopa de España e do Campionato Nacional de Liga. Como de importante foi o convenio para lograr estes éxitos? Ninguén mellor que Julio Delgado, adestrador do equipo, para coñecer a súa importancia.

“Foi un gran paso. Marcamos un antes e un despois a nivel nacional, creo que a repercusión foi grandísima e ao final as verdadeiras protagonistas, que son as xogadoras, entendérono desde o primeiro momento. O profesionalizar un deporte, o ter un convenio regulador, é moi importante sobre todo pola seguridade que che ofrece”, asegurou Julio Delgado. “Seguimos nesa constante loita de igualdade entre o deporte masculino e o feminino, e este foi un gran paso”.

#Pioneras: Damos voz aos grandes fitos pola igualdade do deporte feminino



Pescados Rubén Burela FS e as súas xogadoras foron pioneiras na loita pola igualdade no deporte feminino no fútbol sala español, pero foron moitas as entidades, os clubs e as mulleres que ao longo da historia loitaron pola igualdade no deporte. Foron e son pioneiras, e os seus esforzos, de maior ou menor calado, axudaron a cambiar a sociedade e a mellorar a situación de todas as deportistas.

Desde Pescados Rubén Burela FS queremos falarvos destas historias e darlles visibilidade por medio da campaña #Pioneras, onde tentaremos achegar as fazañas de persoas e entidades que loitaron polos dereitos da muller no deporte. Persoas cuxos actos e accións fixéronnos avanzar como sociedade e que, ás veces, non sempre teñen a repercusión que se merecen.

Publicidade
X Pechar