17/09/2020

Estrea de sensacións

O Pescados Rubén Burela FS de Juanma Marrube estrearase mañá sobre a pista coa visita do Palma Futsal
Estrea de sensacións

O Pescados Rubén Burela FS de Juanma Marrube estrearase mañá sobre a pista coa visita do Palma Futsal (20.00 horas) a Vista Alegre. “A ledicia é enorme. Despois de máis dun mes adestrando a tope, o equipo tiña moitas ganas de ter as primeiras sensacións sobre a pista e teremos a sorte de estrearnos cun grandísimo rival como é Palma”, advertía unha das novidades do proxecto laranxa de 2020-21, o pivote Diego Quintela, que defendeu as cores da escuadra insular as últimas catro tempadas.

“Teño moitas esperanzas e ilusión depositadas neste exercicio. Agardo que sexa unha tempada exitosa para todos. Tiven un ano complicado pola lesión de nocello e cando ía reincorporarme chegou o confinamento. Por este motivo aínda é máis especial estrearme co Pescados Rubén, despois de case un ano sen poder gozar do fútbol sala”, confesaba así o 23 burelista os seus anhelos.

Para esta primeira cita de pretempada, Vista Alegre poderá contar cun aforo de 300 persoas. “É unha tempada diferente e ter a posibilidade de estar arroupados polos nosos, aínda que sexa con moitas restriccións, é un luxo; seguro que nos van axudar moitísimo con un equipo de grande entidade. Esta é unha vila, nós somos unha familia e todos imos á mesma; así o apoio da bancada aínda cobra máis relevancia”.

“Juanma transmítenos tranquilidade, pídenos que plasmemos sobre a pista o traballo destas semanas. Estamos nun bo ritmo, creo que os novos tamén estamos tendo unha adaptación rápida tanto ás pautas ofensivas como defensivas. Palma vén máis rodado, xa leva 3 amigables, pero creo que para nós vai ser unha boa estrea”, reflexionaba Quintela en vésperas da cita de Palma, que vén de impoñerse 1-7 ao Parrulo esta semana, e mostrando tamén a ilusión polo comezo de rodaxe sobre a pista na preparación de cara ao 4 de outubro, co comezo ligueiro: “A axenda de amigables trae máis ganas ao vestiario. Faltábanos ese plus de ter un propósito palpable para os adestramentos da semana. Todos estamos con moitas ganas” explicaba o xogador de Arzúa, facendo referencia tamén ao proximo compromiso no calendario, coa visita á pista do Noia Portus Apostoli o martes 22 (20.30 horas).

Juanma Marrube terá á súa disposición toda a expedición, a excepción dunha das caras novas, Daniel Giasson, por unha pequena lesión muscular.

Venda de entradas

A venta de entradas en oficina pecharase o venres ás 14.00 horas.

10 euros soci@s 2019-20
15 euros no soci@s

No caso de que aínda haxa dispoñibilidade, a taquilla abrirá ás 19.00 horas.

Acceso a instalacións

Co fin de dar cumprimento ao Protocolo Covid-19, haberá control de temperatura na entrada, con rexistro de identidade de todos os asistentes; non se poderá acceder ao recinto con bebida/comida.

Noticias destacadas

Nun partido tan tolo como igualado, as Guerreiras Laranxas fallan nos penaltis ante un Poio cargado de enerxía.

Na primeira Tarde Laranxa desta tempada, ambos equipos do Pescados Rubén Burela FS se enfrontaron en Vista Alegre ao CD Melistar FS e ao Nueces de Ronda Atlético Torcal.

Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición.