21/09/2020

Noia, segundo test para os do Mariskal

Será un partido máis de preparación para chegar nas mellores condicións o día 3 de outubro
Noia, segundo test para os do Mariskal

A pista do Noia Portus Apostoli será o escenario para o segundo test dos do Mariskal, mañá ás 20.30 horas (Agustín Mourís). “Estamos contentos por ter a posibilidade de seguir a disputar encontros. Será un partido máis de preparación para chegar nas mellores condicións o día 3 de outubro ao inicio de liga”, advertía Iago Míguez, un dos grandes protagonistas da estrea de pretempada laranxa o venres pasado ante o Palma Futsal, tras 357 días lonxe das pistas.

“Foi un momento de debut; nunca estivera tanto tempo afastado das pistas. Sempre o recordarei, sentinme moi ben, coma un máis, sen molestias e sen necesidade de pensar no xeonllo” lembraba o 5 burelista, despois de case un ano sen xogar tras a lesión sufrida na xornada 3 2019-20 ante o Levante. “Foi un proceso moi duro, moi longo, de moito sacrificio, pensando en cómo e cándo sería o meu regreso. O venres tiven unha sensación única de felicidade por voltar na casa e con afección” confesaba pletórico o ala, moi satisfeito tamén coa imaxe do equipo ofrecida antes os insulares (2-3): “O obxectivo era o de plasmar o traballo sobre a pista. O primeiro balance é bo en canto a sensacións, pero foron moitos meses de inactividade e sabemos que temos marxe de mellora, para acoplarnos, pero estamos na liña a seguir”.

Mañá toca unha nova proba, fronte a un equipo que vén de impoñerse ao Parrulo (1-3). “Sabemos que vai ser rifado, cun Noia que se reforzou con xogadores importantes e que é un dos favoritos na Segunda División. Estamos seguros que nos axudará a seguir mellorando no noso traballo de cara á competición. Será un partido moi bonito porque tamén nos atoparemos con vellos compañeiros, e amigos, con xogadores que fixeron historia con nós, como Luisma, Pope ou Álex Pérez” reflexionaba o burelista.

Juanma Marrube terá á súa disposición toda a expedición, a excepción de Daniel Giasson, por unha pequena lesión muscular.

Continúa XXIX Copa Galicia

O cadro burelista retomará o periplo de XXIX Copa Galicia co partido de volta de semifinais, ante O Parrulo FS. Será o vindeiro luns, 28 de setembro, ás 20.15 horas (A Malata). A ida, disputada o pasado 25 de febreiro na Bomboneira, caeu do lado laranxa, 5-3.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.