16/11/2020

A PISTA DE ELPOZO ABRE OUTRA DURA SEMANA

A escuadra de Juanma Marrube saltará á cancha defendendo a quinta praza.
A PISTA DE ELPOZO ABRE OUTRA DURA SEMANA

O Pescados Rubén Burela FS xa se atopa no destino da xornada 10 no inicio doutra dura semana. O poderoso ElPozo Murcia recibirá mañá os laranxas, ás 18.00 horas, que poderá seguirse en directo a través de La7 TV. 

“Facíanos falta unha vitoria deste xeito, unha vitoria moi traballada” reflexionaba un dos máximos goleadores burelistas, Diego Quintela, tras o triunfo de duelo galego ante O Parrulo (6-3) e pensando xa en dar continuidade ás boas sensacións do cadro en terras murcianas: “Imos con moitas ganas e ilusión. É a pista dun dos grandes da liga e iso sempre motiva. Quedan aínda partidos entre semana, é un calendario duro, a carga comézase a notar pero estamos traballando para afrontalo da mellor forma posible” explicaba o 23 mariñán facendo referencia a outra semana máis de dobre compromiso, co peche de volta en Vista Alegre o sábado, coa visita de Jaén Paraíso Interior (20.30 horas). 

A escuadra de Juanma Marrube saltará á cancha defendendo a quinta praza, 12 puntos, 1 de vantaxe sobre a oitava dos murcianos, con sete partidos disputados. “É un grandísimo rival, é un equipo repleto de internacionais. A posición que ocupa agora mesmo na táboa non reflicte a gran calidade dos seus xogadores. Só hai que mirar o último amigable España-Brasil; tiñan 8 ou 9 internacionais. É un cadro  moi completo e moi intenso” loaba así as calidades do equipo de Diego Giustozzi o ala-pivote de Arzúa, pero tamén incidindo na enteireza dos laranxas para facerse co botín: “A nosa ilusión está intacta, somos ambiciosos e imos polos tres puntos” aseguraba Quintela fronte a un rival que encadea dous triunfos e quere facerse valer na casa, onde ata o momento só puido conseguir 1 punto, co empate na xornada inaugural.

O conxunto galego realizará a última sesión esta tarde, ás 19.30 horas, no Palacio Municipal dos Deportes de Murcia. 

Expedición Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 16. Eto’o, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza

Sábado con dobre cita en Vista Alegre

A Bomboneira acollerá Tarde Laranxa este sábado, día 21. Antes da cita de Primera Masculina cos xienenses, ás 16.30 horas, o conxunto feminino regresará á competición con Sala Zaragoza, tras a xornada de descanso. 

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.