Arranca a semana decisiva en Peñíscola, en duelo de necesidades

O Pescados Rubén Burela FS arrinca a semana decisiva de Primeira Mascullina mañá na pista de Peñíscola Globeenergy FS, nun duelo de necesidades, entre a 16ª praza dos locais, en descenso, e a 15ª laranxa, en fase de permanencia e acariñando a zona libre de perigo. A cita arrincará ás 21.00 horas.
3 finalísimas en 6 días
Esta será a primeira das tres finalísimas que terá por diante o conxunto mariñán para pelexar por seguir na elite; continuará a xira a domicilio recuperando a visita a Besoccer CD UMA Antequera o xoves (20.00 horas) e poñerá o broche en Vista Alegre o domingo, ante Palma Futsal, en xornada unificada (18.00 horas).
“Comezamos a semana con moitísima ilusión e moitas ganas. Hai que enfocalo coma se fose o último partido de liga. Para Peñíscola é a última bala e para nós poden ser 3 puntos cos que podemos fuxir definitivamente do descenso directo e que nos conduzan á zona libre de perigo”, explicaba un dos capitáns burelistas, Iago Míguez, sen tregua no maratón que comezaron hai un par de semanas, pero tamén coa moral alta nesta traxectoria, reforzada coa vitoria da xornada recuperada ante Ribera (4-3) do sábado: “Animicamente estamos nun bo momento porque puidemos sumar e encadear puntos vitais nas últimas xornadas e iso sempre axuda” confesaba o 5 laranxa, destacando a transcendencia do duelo de mañá e apelando á coraxe e garra para suplir a exposición física dos últimos días.
Nestes momentos, 5 puntos e un partido menos afastan o Pescados Rubén da situación crítica na que chega Peñíscola FS, inmediatamente por detrás; no seu último envite os castellonencos caeron 3-1 ante Betis. Por arriba, xa sen perigo, os galegos tamén miran a Osasuna Magna, con tan só 1 punto de vantaxe, que recibirá a Aspil Jumpers Ribeira Navarra mañá ás 20.00 horas.
“Serán 40 minutos de esixencia máxima nun partido no que os dous nos xogamos moito. Creo que será un partido igualado, de moita intensidade, cun Peñíscola arroupado pola súa afección. Nós temos que saber xogar coa ansiedade poidan chegar a ter en determinados momentos; oxalá poidamos poñernos por diante e xogar as nosas bazas” vaticinaba Iago Míguez, encomendándose á evolución e afán de superación dos da Mariña: “A liña que temos que seguir é a do mesmo equipo das últimas xornadas, con moita entrega e intensidade, sobre todo en defensa, sen conceder en zona de elaboración; tamén estamos a crear ocasións en estratexia que é algo moi importante para este partido”.
Os de Sito Rivera adestrarán esta tarde xa en Peñíscola, ás 19.00 horas.
Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Nito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Pitero, 7. Javi Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Renato, 13. Giasson, 19. Bruno, 20. David Pazos, 22. Álex Diz, 23. Quintela, 24. M. Kaluza
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas