15/03/2025

O Burela FS afronta un derbi clave pola permanencia este domingo diante dun Noia Portus Apostoli moi mellorado no 2025

O compostelán ten claro que este Noia parécese pouco ao que chegou a Vista Alegre o 4 de xaneiro afundido na clasificación e con tan só dous puntos na táboa clasificatoria.
O Burela FS afronta un derbi clave pola permanencia este domingo diante dun Noia Portus Apostoli moi mellorado no 2025

Venres 14 de marzo. O conxunto masculino do Burela FS retoma a competición na Primeira División disputando esta fin de semana o segundo derbi autonómico da tempada. Nesta ocasión tocaralles viaxar o domingo aos bureleses para visitar a un Noia Portus Apostoli (Agustín Mourís, 13:00 horas, FEF TV) moi mellorado neste 2025. Os noieses, grazas a unha fantástica xeira na que só perderon un partido -diante do líder Peñíscola por 2-5- dos nove disputados desde o cambio de ano, lograron saír do descenso e actualmente son décimo cuartos con 16 puntos, un máis que o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra, primeiro equipo en zona vermella. Pola súa banda, os mariñaos, que veñen de igualar ante o Quesos El Hidalgo Manzanares (1-1) e o Industrias Santa Coloma (1-1), son undécimos con 23 puntos.

O técnico dos Pícaros, David Rial, agradece a fin de semana de descanso da que gozaron despois dun intensísimo mes de febreiro. “É un parón que seguramente nos viu ben a todos para recargar pilas e recuperarnos tanto mental como fisicamente. Tivemos un mes de febreiro con moitísimos partidos todos os equipos e agora é verdade que nos vén un de marzo con moitos menos polo parón de datas FIFA e a disputa da Copa de España. Tivemos a sorte de ter unha semana limpa para volver adestrar, refrescar cousas e introducir pequenos matices, algo que non puideramos facer o mes anterior ao ter varias xornadas entre semana”, valora o preparador santiagués.

Rial segue vendo ao seu equipo preparado para afrontar con garantías a recta final de nove partidos que decidirán se os laranxas continúan o curso próximo na elite. “O equipo volveu ben, volveu alegre e volveu nunha boa dinámica. Na mesma dinámica na que, por sorte, estivemos durante todo o ano, pero é evidente que se nota o descanso porque as cabezas están un pouquiño máis frescas, liberadas e aínda por encima coa motivación que supón ter esta semana limpa para adestrar e preparar un derbi”, explica.

 En canto ao rival do domingo, o compostelán ten claro que este Noia parécese pouco ao que chegou a Vista Alegre o 4 de xaneiro afundido na clasificación e con tan só dous puntos na táboa clasificatoria. Nos 9 partidos que xogaron no 2025, contando xa o 2-2 en territorio burelés, os coruñeses sumaron 14 puntos dos 27 posibles. “É un dos equipos máis en forma da categoría porque xusto desde que pasaron por aquí só perderon un partido e teñen números moi bos. Se non me confundo, nos últimos 10 partidos sacaron un punto máis ca nós. Temos uns números moi parellos, pero é verdade que veñen nunha dinámica totalmente diferente, con números moi positivos que lles levaron a saír do descenso e sobre todo a cambiar esas dinámica tan negativa que estaban a ter, así que nos espera un partido un pouco na liña dos que estamos a xogar os dous equipos, bastante pechados”, sinala.

Festa do fútbol sala galego

Ademais, os de Noia terán o ambiente ao seu favor. “É un pavillón que aperta moito e será un día moi bonito para todos porque é precioso poder ir ao Mourís a xogar outro derbi e espero que sexa un partido fantástico no que o fútbol sala galego poida vivir unha festa e oxalá nos poidamos traer algo positivo deste derbi para Burela”, relata esperanzado David Rial.

Con respecto aos problemas que tiveron os de David Palmas para vencer ante o seu público e a que puntuaron máis a domicilio (9) que ao abrigo do seu público (7), o de Fontiñas non se fía desta estatística. “É certo que lles custou puntuar un pouco máis diante da súa afección e, de feito, tardaron moito tempo en conseguir esa primeira vitoria, pero creo que ao final tamén nos pasou a nós, que estamos a facer moitos puntos fóra de casa. O importante agora xa non é gañar ou perder na casa ou fóra, senón facer os puntos suficientes para conseguir os obxectivos. Creo que o importante seguramente para eles é que están a puntuar de maneira constante e que tan só perderon un partido dos últimos 9 e iso evidentemente fortalécete moito como grupo. É importante o cambio de dinámica que tiveron e por iso esperámonos un equipo totalmente diferente para este derbi”, anticipa.

O estratego burelista é consciente da importancia dos puntos que repartirá este derbi a nivel clasificatorio, xa que unha vitoria afastaría a 10 a un rival directo cando só restarían 24 por disputarse. “Evidentemente a nivel clasificatorio é un partido moi importante para os dous equipos, aínda que quizá un pouco máis para eles porque, co pouco que falta e tendo un partido en casa, é un choque crave para sumar e afastarse un pouco máis deses postos de descenso, pero tamén sabemos o importante que pode ser para nós conseguir unha vitoria en Noia e afastarnos xa dunha maneira moi destacada do descenso. Non sería definitiva en canto ás matemáticas, pero si sería unha distancia moi solvente con respecto á zona de descenso. A nosa idea é afrontar cada fin de semana da mellor maneira posible, sumar o maior número posible de puntos, non pensar moito no medio ou longo prazo, senón simplemente pensar en cada fin de semana e a partir de aí ir preparando cada partido para sumar e ir achegándonos a ese obxectivo da salvación”, conclúe.

Sen ausencias e precedente

David Rial terá á súa disposición aos once futbolistas do primeiro plantel e nesta ocasión non completará a convocatoria con ningún xuvenil. En canto ao encontro da primeira volta, o primeiro disputado na máxima categoría entre ambos os equipos, Burela e Noia igualaron a un tanto nun choque disputado en Vista Alegre o pasado 4 de xaneiro. Juninho adiantara aos mariñáns de penalti no minuto 2, conseguindo a igualada dous minutos antes do descanso Raggiati. De novo Juninho e outra vez no segundo minuto de xogo da continuación poñía por diante aos burelistas aproveitando unha superioridade pola expulsión de Rubi e finalmente era o capitán noiés, Pirata, o que establecía a igualada definitiva a menos dun minuto da conclusión e cos locais xogando cun home menos ao ver a segunda amarela o chileno Araya.

Os encargados de impartir xustiza este domingo no Agustín Mourís de Noia serán os colexiados madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, que estarán auxiliados polos galegos Pablo Coello Martínez e Berta García Vázquez.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.