08/04/2015

Descubrindo a... Pescados Rubén

Descubrindo a... Pescados Rubén

Rubén Blanco Fernández, fundador de Pescados Rubén SL
Nois (Foz), 10 de outubro de 1943




Con máis de trinta e cinco anos de experiencia no sector pesqueiro, Pescados Rubén SL é unha das grandes referencias da economía de Lugo. A empresa focega centra a súa actividade no abastecemento de mercados centrais e grandes áreas comerciais de peixe e marisco en fresco e conxelado, tanto en España coma no estranxeiro; nas súas instalacións destaca unha factoría de frío (Fazouro), con 6.500 metros cadrados, para os procesos industriais de conxelado. Rubén Blanco coñeceu este mundo na adolescencia, pouco a pouco conseguiu ir prosperando na profesión e inculcarlle a devoción que sente polo seu traballo a toda a súa familia.



- Como comezou nesta profesión?



- Con 12 ou 14 anos empecei a vender peixe cun amigo, Pancho, de Cangas; iamos no seu coche polas casas. Despois de estudar en Foz e de facer o servizo militar, comecei a traballar con Arcadio Pardiñas -xa traballaba con el meu pai-; vin que ese era un mundo no que se podían gañar cartos e lanceime a comprar pola miña conta. Conseguín contactos no Grove para enviar marisco e puiden comprar un coche, un 4L, para empezar a moverme só. Por aquel entón, tamén apostei pola construción dunha cetárea, con Pancho, que nos daba a posibilidade de mover máis volume de marisco; coidábaa meu pai, pero enfermou e decidimos deixalo e despois decidín dedicarme á comercialización de peixe. O negocio ía ben, pero estaba limitado polo transporte, así que o paso para empezar a mover máis quilos foi comprar un camión, que fun buscar á feira de Lugones, en Xixón.



Aí empezou todo e pouco a pouco, con moito traballo, pero tamén sen moitos reveses na vida afortunadamente, intentando sempre ir cos tempos, fomos chegando ao que somos hoxe.



- Como se consegue que toda a familia se sinta atraída polo mesmo traballo?
-Os meus fillos coñecen isto dende sempre. Con poucos anos, Manolo e Rubén acompañábanme aos portos e durmían comigo no coche esperando a hora da venda; eran eles os que sempre querían ir comigo. É un mundo que mamaron dende pequenos, é sacrificado e aínda así decidíronse por el; calquera deles traballa 18 horas ao día se fai falta.



Rubén traballaba no departamento contable, pero cando tivo a oportunidade de responsabilizarse da compra de peixe non o dubidou. Conchita tamén fai un labor moi importante, na área de exportación.



Tanto a miña muller coma min estamos moi orgullosos de que os tres estean levando a empresa. Eu non podo ser máis feliz que véndoos agora á fronte de Pescados Rubén.



- Cal é o segredo de que unha empesa familiar chegue a ser unha das referencias da economía da provincia?



- Coma en calquera empresa ou negocio, esforzo, dedicación e traballo. Un sempre debe ter en mente a idea de mellorar e de corrixir os erros, ademais de contar con xente válida que defenda o seu posto de traballo. Agora mesmo Pescados Rubén ten máis de 200 empregados, se a empresa vai ben, vai ben para todos, pero se vai mal tamén nos afecta a todos.



O principal, insisto, é querer sempre ir a mellor para superarte día a día. Eu agora que estou xubilado aínda veño pola empresa, achégome ao porto, falo con uns e con outros; sempre se aprende algo. A estas alturas ata estou aprendendo a tocar o acordeón...



- Pescados Rubén é unha empresa que comezou hai máis de tres décadas pero que soubo adaptarse aos tempos e ás novas tecnoloxías, automatizando o proceso completo de salmoira, con recoñecementos de innovación tecnolóxica pola súa maquinaria...



- Introducímonos nos procesos industriais de conxelado con moi boa resposta no mercado. Xa estaban comigo Manolo e Rubén, comezamos dependendo de terceiros pero non conseguiamos os resultados de calidade que buscabamos e xurdiu a posibilidade de construír a actual factoría de frío, con máis de 6.000 metros cadrados (túnel de conxelado, túnel de salmoira, sala de fileteado e sala de elaborado).



Xa vivimos tempos mellores, pero a nosa filosofía fainos manternos. Primamos a calidade en todos os procesos, facendo os controis necesarios e seguindo a trazabilidade, o que nos permitiu obter a Certificación de Calidade ISO 9001, xa en 2004.



- Pescados Rubén é o principal apoio do Burela FS dende o seu nacemento. Como xurdiu esa colaboración tan vital para o club?



- A empresa xa colaboraba co antigo Cefire e cando naceu o Burela FS adquirimos o compromiso de axudar. Co tempo ese vínculo foise reforzando e xa van 14 anos; na última renovación da directiva Manolo asumiu a presidencia e eu tamén formo parte da directiva.



É un esforzo moi grande, pero a solidez do proxecto faise merecedora, con dous equipos en Primeira e unha base ben traballada. Moitos outros clubs e empresas preguntan cómo facemos. Supón un gran traballo para cadrar dun lado e doutro, unido ao compromiso dos directivos para buscar outros apoios que axuden a manter o proxecto, con visitas a empresas, reunións con posibles colaboracións...



- Tamén apoia outros clubs e deportes na comarca da Mariña: Fútbol coa SD Burela e SD Cangas, Baloncesto en Burela...



- Somos conscientes da importancia do deporte como formación por iso queremos ser parte del. Creo que aínda non está o suficientemente valorado, pero avanzouse moito nos últimos anos... Por exemplo, coa SD Burela, asumín a presidencia nunha etapa na que perigaba a continuidade do club, estiven nunha directiva con xente que puxo moito da súa parte para que non desaparecera o fútbol de Burela.



- Que supón para a empresa ser unha referencia de mecenado do deporte na comarca, contribuír ao crecemento dos nenos da Mariña?



- Gústanme moito os nenos. Contribuír para facilitarlles unha estrutura na que poidan medrar cuns valores, darlles unha plataforma para que practiquen deporte, entre eles os meus netos, é para min e para Pescados Rubén un orgullo.



Hai pouco estiven vendo un partido de categorías de base; dá gusto ver como nenos tan pequenos dominan con axilidade o balón e disfrutan do que fan.



- Pescados Rubén non é o mesmo que nos seus inicios, pero o deporte tamén cambiaría moito nos últimos anos.



- Si, os pais son máis conscientes da importancia da práctica deportiva e preocúpanse por levar os nenos/as aos adestramentos, por que practiquen varios deportes... Darlles esa posibilidade require tamén un esforzo económico por parte das familias; debería haber máis compromiso por parte da Administración local para facer iso realidade.



- Que opinión lle merece a tempada do Burela FS?



- Ter dous equipos na Primeira División é un orgullo e máis aínda co excelente traballo que están facendo. O equipo feminino está realizando unha gran tempada, van terceiras e a liga aínda non acabou; ademais a miña muller converteuse nunha gran seguidora... Con respecto ao equipo masculino, supón unha gran satisfacción que os xogadores aposten por este club fronte a outras entidades de máis nome e máis grandes; iso demostra que confían en nós e na nosa seriedade. Ademais o equipo tivo unha estrea inmellorable na Copa de España; deron unha gran lección ante Inter Movistar.



En eventos coma ese é onde realmente se dá a coñecer Burela. Levaron o nome de Pescados Rubén e de Burela ao grande.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.