17/11/2010

Juanma: 'Estamos cumprindo os obxectivos marcados'

Juanma: 'Estamos cumprindo os obxectivos marcados'

O capitán do cadro burelao, Juanma, considera que o equipo está respondendo ás expectativas, xa que o panorama a principio de tempada se presentaba complicado. “Estamos quintos a pesar de non sumar nas dúas últimas xornadas e temos opcións reais de ser cuartos, xa que o Valencia nos leva tres puntos e ten que descansar. Creo que estamos cumprindo cos obxectivos marcados, que eran o de estar entre os oito primeiros. Considero que a situación e a traxectoria son positivas”, sinalou o xogador, que ademais cre que hai aspectos notables no xogo do equipo. “Somos un dos equipos menos goleados do campionato, o que di moito do traballo colectivo que estamos desenvolvendo”, indica.


A lesión de Víctor Cachón minguou o potencial burelao, obrigando a algúns xogadores a disputar moitos minutos. Juanma cre que a marxe de mellora pasa por ampliar a rotación. “Algúns estamos xogando demasiado, o que pode repercutir no noso rendemento nos tramos finais do encontro, algo que puido pasarnos en Puertollano. Penso que a recuperación de Cachón ou a chegada dalgún xogador sería moi importante para ter máis cambios e ademais aliviaría o número de minutos dalgún futbolista, o que tamén repercutiría na calidade dos minutos”, explica Juanma.


A visita á cancha do Navarra iniciará o tramo final da primeira volta. Juanma é consciente da importancia que ten o partido. “Tres xornadas sen sumar serían negativas para un equipo como o noso, afeito a series positivas. Tamén contribuiría seguramente a algún dos rivais que veñen por detrás, como o Andorra, que está forte”, indica Juanma, convencido das opcións do equipo. “Dentro das dificultades que presenta medirse ao segundo clasificado, creo que a nivel colectivo é un equipo máis alcanzable para nós que o Puertollano”, concluíu o xogador.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.