09/12/2024

O Burela FS disputa este martes a domicilio a eliminatoria de Copa do Rei pendente ante o UD Ibiza Gasifred Ciutat d’Eivissa

O Burela FS disputa este martes a domicilio a eliminatoria de Copa do Rei pendente ante o UD Ibiza Gasifred Ciutat d’Eivissa

Luns 9 de decembro. O conxunto masculino do Burela FS disputa este martes a eliminatoria de dezaseisavos de final da Copa do Rei ante o UD Ibiza Gasifred Ciutat d’Eivissa FS (Poliesportiu Insular Blancadona, 20:30 horas), un duelo que se debía disputar o pasado 26 de novembro, pero que foi aprazado por petición do conxunto balear, de Segunda División, debido a que nesa data non dispoñía de pavillón no que xogar ao estar disputándose na illa o Campionato de Europa júnior de bádminton. O equipo que se impoña mañá logrará o pase aos oitavos, xa que este cruzamento xógase a partido único na cancha do conxunto de inferior categoría.

O rival dos mariñaos é un Ibiza que está a sufrir moito esta tempada e que ocupa a penúltima praza de Segunda con 11 puntos, logo de sumar tres triunfos, dous empates e sete derrotas. O conxunto preparado por José Fernández chega ao partido tras encadear dúas derrotas, ante o Barça Atlètic (5-2) e o pasado venres contra o Inagroup El Ejido (2-0). Pola súa banda, os discípulos de David Rial afrontan este duelo, antes de poder gozar dun pequeno parón dunha semana pola celebración dunha xanela de seleccións, coa intención de alongar a boa dinámica a domicilio tras celebrar o domingo en Zaragoza (2-3) a primeira vitoria da tempada a domicilio.

O técnico compostelán é consciente da dificultade dun envite ante un rival máis descansado e moi ilusionado co torneo copeiro. “Queremos acabar con boas sensacións antes do parón e tratar de pasar esta eliminatoria porque sempre é bonito seguir na Copa do Rei, pero sabemos polos dous últimos anos a motivación extra coa que se xogan estes partidos contra equipos de superior categoría, así que estou convencido de que non nolo van poñer nada fácil”, asume Rial.

O preparador do Burela FS non se fía da mala clasificación do conxunto pitiuso. “É un rival que coñecemos ben da tempada pasada porque o adestrador é o mesmo e mantén a moitos xogadores. Este ano están un pouquiño máis abaixo na clasificación, pero sabemos que nestes partidos de Copa sempre se iguala todo un pouco máis e a súa é sempre unha pista difícil”, advirte.

Precedentes e ausencias

A pasada campaña saldouse con dous claros triunfos para os mariñaos en Liga. En terras ibicencas a vitoria foi por 1-4, con tantos de Quelle, o agora bético Ismael, Alberto e Kaluza, mentres que o resultado en Vista Alegre foi un 5-2 para os laranxas. Quen non poderá repetir tanto mañá é o meta internacional polaco Michal Kaluza, xa concentrado coa súa selección para disputar o vindeiro martes 17 un encontro clasificatorio para o Europeo de 2026 contra Turquía. Únese na lista de baixas ao brasileiro Meira, que quedou en Burela e xa non participou na vitoria na cancha do Wanapix Sala 10 Zaragoza.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.