05/02/2014

O Burela FS en semifinais da Copa Xunta co Azkar, tras a vitoria fronte ao Parrulo (1-3)

O Burela FS en semifinais da Copa Xunta co Azkar, tras a vitoria fronte ao Parrulo (1-3)

O Burela FS Pescados Rubén xa é semifinalista da Copa Xunta de Galicia tras a vitoria de onte fronte ao Parrulo FS (1-3), de Segunda División. Os pupilos de Juanlu recibirán en Vista Alegre o Azkar Lugo FS no seguinte chanzo, antes da final, coa data aínda pendente de acordar entre os dous equipos.



O cadro mariñán, con numerosas ocasións aínda que tamén con falta de acerto en finalización, puido adiantarse cun tanto temperán, no minuto 4, de Burrito. “A oito minutos para o descanso cargámonos de faltas e vímonos obrigados a especular e protexernos para garantir a vantaxe do 0-1” xustificaba o técnico laranxa.



“No segundo tempo comezamos moi ben e puidemos resolver o encontro” aseguraba Juanlu, incidindo na rápida reacción goleadora do equipo, con Matamoros, xa no 21, e de novo Burrito, no 24. “Despois a cita perdeu ritmo porque nos relaxamos” admitía o adestrador mariñán, nunha cita que chegou á bucina final con 1-3, nun disparo de Oly a tres minutos para o desenlace, que tocou no corpo de Iago Míguez.



“A Copa Xunta é unha competición á que lle temos moito respecto e queremos facelo ben, ademais agora, en semifinais, toca un encontro con moita motivación ante o Azkar. A nosa intención é xogar a próxima semana, se non pode ser haberá que deixalo para o mes de marzo” explicaba o técnico laranxa.



O Cidade de Narón será un dos protagonistas da outra semifinal, despois de vencer ao Noia FS (4-2); o seu rival decidirase o venres no enfrontamento entre Pazos de Borbén e Santiago Futsal (21.00 horas).




Ficha técnica



O Parrulo FS: Canoli, Óscar, Villas, Jacobo e Borja, no cinco inicial; tamén xogaron Isma, Oly, Cagi, Bebeto e Christian



Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Burrito, Matamoros e Carlitos, no cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Isi, Juanma e Antoñito



Árbitros: Trebolle González // Bello Castro (Lugo)



Goles: 0-1, minuto 4, Burrito; 0-2, minuto 21, Matamoros; 0-3, minuto 24, Burrito; 1-3, minuto 37, Oly



Tarxetas: Polo Parrulo FS, Jacobo foi expulsado por dobre cartón amarelo; por Burela FS, amarelas a Isi e Matamoros



Incidencias: Partido correspondente a cuartos de final da XXIII Copa Xunta de Galicia, disputado no pavillón ferrolán da Malata

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.