13/01/2025

O Burela FS encara con “moita ilusión” a semifinal da Copa Galicia que disputará este martes a domicilio ante o Stellae Leis Pontevedra FS

O Burela FS encara con “moita ilusión” a semifinal da Copa Galicia que disputará este martes a domicilio ante o Stellae Leis Pontevedra FS

Luns 13 de xaneiro. O conxunto masculino do Burela FS xogarase este martes en Pontevedra o pase á final da trixésimo terceira edición da Copa Galicia de fútbol sala. O rival dos bureleses será o Stellae Leis Pontevedra FS (Monte Carrasco – Marcón, 20 horas), conxunto de 2ªB que o curso pasado foi precisamente o verdugo dos mariñaos na competición autonómica, xa que os de Santi Valladares júnior desfacíanse dos de David Rial en cuartos de final cun gol sobre a bucina (2-1) cando os agora pontevedreses aínda xogaban en Valga.

Co subidón da vitoria lograda o pasado sábado na cancha do que era líder da Primeira masculina, o Servigroup Peñíscola, os laranxas acoden a esta semifinal a partido único coa intención de asinar a súa quinta vitoria consecutiva a domicilio entre a competición ligueira e a autonómica, xa que aos triunfos seguidos ante Wanapix Sala 10 Zaragoza, Industrias Santa Coloma e Servigroup Peñíscola habería que sumar o obtido o 17 de decembro na pista do IES Coruxo FS (3-6) nos cuartos de final da Copa Galicia. Pola súa banda, os da cidade do Lérez impuxéronse esta pasada fin de semana aos tamén mariñaos do Adamo Xove FS (7-5) e ocupan a segunda posición no grupo primeiro de 2ªB. Ademais, derrotaron en cuartos a un rival de superior categoría, o O Parrulo Ferrol de Segunda (4-2).

O técnico dos burelistas, David Rial, anticipa que van a por todas neste encontro. “A min persoalmente é un partido que me fai moita ilusión porque o primeiro encontro que gañamos na Copa Galicia desde que eu cheguei aquí foi o desta tempada contra o IES Coruxo FS e faime especial ilusión poder gañarlle ao Stellae Leis Pontevedra FS e meternos na final”, avanza.

O preparador santiagués é consciente de que non o terán fácil, a pesar de que existen dúas categorías de diferenza entre ambos contendentes. “Sabemos o complicada que vai ser a eliminatoria diante dun rival que a tempada pasada nos deixou fóra e que visitamos un pavillón que tamén nos vai poñer as cousas moi difíciles e vai apertar moito, pero temos moitísima ilusión posta nesta competición”, sinala.

Ademais do ambiente do recinto pontevedrés, outro dos principais escollos que terán que superar os Pícaros será a motivación do rival. “Desde o primeiro día nos marcamos como obxectivo poder disputar esta final, pero evidentemente tamén sabemos a motivación que supón para equipos de menor categoría o poder disputar estes partidos. Xa deixaron fóra a O Parrulo Ferrol con total merecemento e sabemos que nos van a poñer as cousas moi difíciles, pero creo que o noso obxectivo e o noso deber é ir alí coa intención de pasar a eliminatoria e poder xogar a final da Copa Galicia por primeira vez desde que eu estou en Burela”, conclúe.

Final en Lugo

O equipo que venza mañá no pavillón de Monte Carrasco, situado na parroquia pontevedresa de Marcón, estará o vindeiro xoves 17 de abril, en plena Semana Santa, na final que se disputará en Lugo, onde tamén se celebrará ese mesmo día a da categoría feminina. O outro finalista sairá do cruzamento que xogarán este xoves, precisamente na cidade amurallada, o ADC Lugo Salga e o Noia Portus Apostoli (Municipal de Lugo, 21:30 horas). O conxunto de Segunda buscará dar a sorpresa ante os noieses de Primeira para así exercer de anfitrión na gran final da trixésimo terceira Copa Galicia masculina.

O conxunto burelés busca o seu terceiro entorchado despois de proclamarse campión nas edicións de 2018, impoñéndose ao Santiago Futsal na Malata (4-3), e de 2020, derrotando ao Noia Portus Apostoli en Narón (5-2). Logo de que non houbese competición na campaña 2020/2021, o cadro noiés enlaza tres títulos consecutivos.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.