22/09/2024

O Pescados Rubén Burela derrota con autoridade ao París Acasa (6-1) e remata terceiro no torneo Virgen de la Antigua de Guadalajara

Pitero, con tres goles; Rikelme, cun dobrete; e Malaguti foron os goleadores dun conxunto laranxa moi superior ao seu rival francés.
O Pescados Rubén Burela derrota con autoridade ao París Acasa (6-1) e remata terceiro no torneo Virgen de la Antigua de Guadalajara

Domingo 22 de setembro. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela finalizou na terceira praza do primeiro Torneo Internacional Virgen de la Antigua de Guadalajara logo de impoñerse na mañá deste domingo con autoridade ao París Acasa (6-1) na final de consolación. Os pupilos de David Rial foron moi superiores ao conxunto francés, dominaron practicamente durante os 40 minutos de xogo e ao descanso xa vencían por un cómodo 3-0. Pitero, con tres goles goles; Rikelme, cun dobrete; e Malaguti foron os goleadores do conxunto mariñán.

Os laranxas foron un rodete no inicio do encontro polo terceiro posto diante dun rival que sufría mesmo para achegarse á meta burelista. Pitero, con dúas dianas, poñía en franquía o resultado para os da Mariña e Malaguti subía o terceiro ao electrónico do Multiusos de Guadalajara antes de chegar ao descanso demostrando a escuadra da Mariña solvencia e deixando unha moi boa imaxe.

O guion empezou similar no segundo tempo, cun tanto de Rikelme, o 4-0, un minuto e medio despois da reanudación do xogo. A partir de aí, o cadro parisiense foi gañando presenza no encontro e comezou a ter máis o balón ante un rival que acusaba o cansazo físico de disputar tres partidos en catro días e que agora tiña que empregarse en defensa. Os galos lograban o 4-1 nunha transición e a pesar do baixón físico, chegarían dous novos tantos galegos con senllos balóns ao segundo pau. Pitero conseguía completar a súa grande mañá co terceiro da súa conta particular e Rikelme era o que pechaba a conta dos Pícaros coa súa segunda diana.

Declaracións de David Rial

O técnico do Pescados Rubén Burela, David Rial, realizou unha pequena valoración desta minixira con tres encontros en catro partidos, que se saldaron con vitorias ante Noia Portus Apostoli (4-3) e París Acasa (6-1), e derrota contra o SC Braga (1-4). “Era importante sobre todo gañar un partido contra un equipo de Primeira División, xa fose Noia ou Braga, e sentir que estamos preto do seu nivel e que podemos competir contra eles”, explica o preparador santiagués. “Contra Noia quizá non foi o noso mellor partido, porque estiveramos mellor no primeiro que disputamos contra eles, pero a pesar da carga física da pretemporada, gañar sempre é importante e supón seguir dando pasos positivos na nosa preparación”, engade Rial.

O preparador compostelán repartiu hoxe o tempo entre os dous porteiros e tamén lle deu minutos ao xuvenil Bruno. “Este torneo era para seguir acumulando carga de traballo, sabiamos que íamos chegar cansos, sobre todo ao segundo partido, pero o importante era sentir que seguimos avanzando. E máis aló da derrota diante do Braga, as sensacións son positivas porque nos vemos preto do nivel ao que teremos que estar cando empece a liga. Agora quédanos o triangular co Benfica e o Caxinas, e o amigable ante o Inter Movistar, que son partidos de nivel que nos teñen que servir para chegar perfecto ao primeiro partido ligueiro contra Xaén”, conclúe David Rial.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.