25/11/2024

O Pescados Rubén Burela xoga este martes o pase de Copa en Vigo ante un Bembrive que “é un dos equipos punteiros de Segunda División”

O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela disputa este martes 26 de novembro a segunda eliminatoria da Copa da Raíña.
O Pescados Rubén Burela xoga este martes o pase de Copa en Vigo ante un Bembrive que “é un dos equipos punteiros de Segunda División”

Luns 25 de novembro. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela disputa este martes 26 de novembro a segunda eliminatoria da Copa da Raíña. Nun cruzamento que se decide a partido único, as discípulas de Julio Delgado comezan a súa participación no torneo do KO visitando ao Bembrive vigués (Vicente Álvarez Núñez, 21 horas), un equipo que actualmente é terceiro clasificado no grupo primeiro de Segunda División e que o ano pasado quedou ás portas do ascenso á máxima categoría nunha final xogada ante o Laínco Rubí. As olívicas acumulan 22 puntos grazas ás súas sete vitorias, un empate e dúas derrotas nas dez primeiras xornadas ligueiras. Atópanse a un punto das segundas, o Grupo Forma-T Vilalba, e a dous das lideresas do grupo, o Rayo Majadahonda.

O técnico das laranxas é consciente de que se miden a un bo equipo, pero tamén de que o seu parte como favorito. “Enfrontámonos a un dos equipos punteiros da Segunda División. Xa o demostrou o ano pasado xogando o play off e esta tempada tamén está na parte alta da clasificación. E aínda que hai bastante brecha aínda entre Primeira e Segunda División, sobre todo a nivel de ritmo de xogo, estou convencido de que van poñer todo da súa parte para facer un bo partido e agradar á súa afección”, advirte Julio Delgado.

É por iso que o técnico salmantino considera que non se deben despistar e afrontar o duelo ao 100% desde o primeiro segundo. “Nós, como sempre, temos que saír concentradas. Sabemos que levamos a bitola de equipo favorito para esta eliminatoria, pero como digo sempre, iso hai que demostralo na pista e iso é o que lle estou inculcando ás miñas xogadoras. Hai que traballar máis contra a cabeza que contra as ganas, porque ao final este tipo de eliminatorias poden ser trampa, aínda que sexamos favoritas. Tentaremos facer un bo partido para sacalo adiante e, por suposto, seguir vivas na Copa da Raíña”, conclúe Julio Delgado, que só contará coa xa coñecida ausencia de Irene Samper.

Catro laranxas na convocatoria de España

A seleccionadora española de fútbol sala, Clàudia Pons, deu a coñecer esta mañá a convocatoria para a concentración que se celebrará a próxima semana e que incluirá dous amigables, os días 3 e 4 de decembro, contra Italia. Catro futbolistas do Pescados Rubén Burela están na lista. A principal novidade é a chamada da gardameta Caridad García, que regresa a unha concentración da selección máis de dous anos despois. Xunto a ela estarán a peche Noelia Montoro, a á-peche Antía Pérez e a pívot Dany.

As burelistas uniranse á concentración o domingo día 1 e regresarán o xoves 5, co tempo xusto para participar nun par de adestramentos antes de enfrontarse a domicilio o sábado 7 de decembro ao Futsi Atlético Navalcarnero (11 horas, Teledeporte). Os duelos ante Italia xogaranse o 3 de decembro no pavillón Príncipe de Asturias de San Pedro del Pinatar e o 4 no Virgen del Pasico de Torre Pachecho. Ambos se poderán ver a través de RTVE Play.

Aquí pódese consultar o resto da convocatoria de Clàudia Pons para estes dous encontros.

Copa do Rei

Quen non xogará finalmente esta semana o seu encontro da cuarta eliminatoria da Copa do Rei será o equipo masculino, que acordou co Gasifred Ciudad de Ibiza que o seu cruce se dispute finalmente o martes 10 de decembro na illa balear (Poliesportiu Insular Blancadona, 20:30 horas). Do mesmo xeito que no caso do equipo feminino, a eliminatoria resolverase a partido único na cancha do conxunto ibicenco.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.