PREVIA X#2 Pescados Rubén Burela – Arriva Alcorcón

Venres 13 de setembro. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela regresa mañá a Vista Alegre despois de 79 días para medirse co Arriva Alcorcón (11:30 horas, en directo por Teledeporte), na segunda xornada da Primeira Iberdrola FS. A brasileira Cilene Pereira, que cumpre a súa novena tempada na entidade laranxa, expón o desexo que ten o plantel que dirixe Julio Delgado de abrazarse coa Familia Laranxa. “Hai moitas ganas de volver a Vista Alegre e reencontrarse coa afección. O noso equipo é moi forte xogando na nosa casa e coa nosa xente, que nos apoia todo o tempo”, sinala.
A futbolista de São Paulo entende que o Arriva Alcorcón, que conta con futbolistas da talla de Peque, Vane Sotelo ou Ju Delgado, vai poñer en máis apuros que o recentemente ascendido Lainco Rubí, ao que derrotaron con suficiencia (6-0) na xornada inaugural. “Esperamos un partido moi difícil. O Arriva Alcorcón é un equipo moi forte e vainos a poñer as cousas máis difíciles. Incorporou a boas xogadoras e esa mestura que ten entre experiencia e mocidade é moi boa e creo que vai ser un partido moi disputado”, prognostica Cilene.
En canto ás claves que poden decantar a balanza ao lado burelista, Cilene ten claro que deben tentar impoñer o seu estilo de xogo. “Temos unha maneira de xogar e se somos capaces de que se xogue ao que queremos e non cometer fallos, vai facilitar un pouquiño as cousas”, afirma. Así mesmo, do equipo rival destaca a Peque, pero avisa que “ten un persoal moi completo e outras xogadoras que nos poden poñer en apertos”, advirte a futbolista paulista.
Cilene tamén valorou o acordo asinado pola Real Federación Española de Fútbol a través do que Teledeporte emitirá un partido á semana da Primeira Iberdrola FS durante as próximas tres tempadas. “É moi importante para o noso deporte seguir coas emisións nunha canle a nivel nacional e en aberto. Así máis xente poderanos acompañar e, sobre todo, coñecer. Creo que é un gran paso para que o fútbol sala feminino siga crecendo”, celebra.
A xenial futbolista brasileira incorporouse este curso coa pretempada xa bastante avanzada, pero espera estar pronto ao mesmo nivel que as súas compañeiras. “É difícil chegar a metade de pretempada, pero xa coñezo o traballo que se fai no equipo. A nivel físico é difícil, pero aos poucos vou adquirindo a miña forma e o meu mellor nivel, tanto física como tecnicamente”, conclúe Cilene.
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas