25/09/2021

Táboas no duelo galego inaugural

As Guerreiras pecharon a xornada 2 con 1-1 na casa do Poio Pescamar.
Táboas no duelo galego inaugural

O Pescados Rubén Burela FS pechou a xornada 2 con táboas no derbi irmandiño inaugural da tempada. A visita á Seca saldouse con grande igualdade fronte ao Poio Pescamar FSF reflectida co 1-1 final. Como boa nova, as Guerreiras Laranxas puideron volver contar hoxe co regreso de Cilene, tras nove meses, dende a rotura do tendón de Aquiles sufrida na Supercopa de España de Burela, precisamente ante as pontevedresas.

O Poio, sen complexos, pelexou para incomodar a un Pescados Rubén que chegaba á cita despois dunha semana atípica, coas ausencias no traballo de Peque, Dany, Ale e Elenita pola concentración coa Selección. Nas filas mariñás faltou frescura e houbo imprecisións que o Poio aproveitou para medrar na primeira parte á contra. Nun compromiso igualado, con dúas escuadras atrevidas e con opcións, foi o conxunto de Manu Cossío o que tomou a iniciativa a falta de 5 minutos para o descanso nunha contra de Ana Rivera que culminou a capitá, Dani Sousa, fronte a Sandra Buzón e Dany Domingos. Ata o momento as máis claras das laranxas protagonizáranas Elena Aragón nunha recuperación de Emilly en primeira liña, no 11 de xogo, e Peque, no 5, cunha vaselina. 

Jozi, defendendo a rede laranxa no segundo acto, freou as intencións envelenadas da ex das burelistas Jane para evitar o segundo local. Co perigo de Cami, o Pescados Rubén Burela incrementou o dominio e as ocasións, con Dany, á contra, e pouco despois Peque. Non cesaron de insistir coa súa posesión as da Mariña, dando moi boas mostras da esencia das Guerreiras tras o descanso, ata que chegou a recompensa en estratexia, cun saque de banda de Leti a falta de 44 segundos para o ecuador do segundo acto, finalizado por Emilly. Segundos despois, Dany acariñou o segundo coa máis clara de todo o encontro, desartellado por outra antiga compañeira, Luísa Mayara, baixo paus. Nas filas locais, Luci tamén dispuxo dunha de ouro para poñerse por diante pero aí estaba Jozi, para freala. 

Ficha técnica 

Poio Pescamar FSF: Caridad, Ana Rivera, Irene García, Dani Sousa, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Jane, Luísa Mayara, Dupuy, Anna Escribano, Chiesa

 Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Peque, Cami, Bea Mateos, Emilly, cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Dany, Elenita, Leti, Elena Aragón, Cilene, Jozi 

Goles: 1-0, minuto 15, Dani Sousa; 1-1, minuto 30, Emilly  

Árbitros: Darriba Villamor // Vilas López. Por Poio amarela para Anna Escribano (minuto 25), Lucía Paz (minuto 25). Por Burela amarela para Dany (minuto 17), Jozi (minuto 32) 

Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 de Primeira RFEF Feminina disputado na Seca coa emisión en directo de TVG2. 

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.