12/03/2012

O Panificadora del Eo consegue a primeira vitoria fóra da casa á custa do Riazor (2-4)

O Panificadora del Eo consegue a primeira vitoria fóra da casa á custa do Riazor (2-4)

As de Martínez, cargadas de moral polos últimos resultados, encadean a súa segunda vitoria consecutiva, a primeira fóra da casa, ante o Riazor en terras coruñesas (2-4).


O primeiro tempo do partido foi dun lixeiro dominio local, pero pouco a pouco as ribadenses foron facéndose coas rendas do encontro. Ao descanso chegouse co luminoso intacto, aínda que houbo ocasións para alteralo en ambas as porterías.


Na segunda metade as ribadenses saíron a buscar a vitoria e así no primeiro minuto, Elvira, de xogada persoal, desfíxose da súa marca e de tiro raso e cruzado bateu a porteira local, María, pondo o 0-1 no marcador. As mariñás baixaron a garda e as locais aproveitaron para pór táboas no luminoso tres minutos máis tarde por mediación de Paula. Catro minutos máis tarde, Diana aproveitou un rexeitamento dentro da área visitante para bater a Antía e poñer por diante as locais. As ribadenses insistían en cercar a portería coruñesa. Esta presión deu os seus froitos no minuto 34 cando de novo Elvira bateu a María e igualou a contenda. Aínda non transcorreran dous minutos cando Elvira materializou o seu ‘hat-trick’ e adiantou por segunda vez o Panificadora. O selo foi de Ana, a falta de tres minutos para o final, ao aproveitar un rexeitamento da meta local; era o 2-4 definitivo, que confirma a boa etapa do conxunto mariñán.


Outra difícil saída espera ao Panificadora a vindeira fin de semana para enfrontarse ao Sada FSF, con xogadoras moi experimentadas. Na primeira volta levaron os tres puntos de Ribadeo.


Provincial masculina. O Ribadeo conseguiu unha importante vitoria por 4-5 ante o Riomao, terceiro clasificado, na súa visita a Bóveda. Esta vitoria manteno no 5º posto, á espera de recibir a visita do pechacancelas, Taboada, a próxima fin de semana.


 


Ficha técnica


Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Antía, Ana (1), Toñi, María e Elena, cinco inicial; tamén xogaron Elvira (3), Sabela, Eva, Arancha e Iria.


CD Riazor FS: Yesica, Paula (1), Alba, Sara e María, cinco inicial; tamén xogaron Lorena, Diana (1) e Rocío.


Árbitros: José Manuel Carreira Romeu e Maryluz Mendoza Escalona, da delegación da Coruña; mostraron cartón amarelo a Sabela, do Panificadora.

Noticias destacadas

Un Pescados Rubén Burela FS con altibaixos sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar ese terceiro posto na clasificación.

Nun encontro moi intenso e loitado, as mariñás non mostraron a súa mellor versión cunha primeira parte que lles custou o encontro.

Compricado encontro para o Burela que remata remontando un partido cheo de altibaixos para o conxunto mariñán.