27/01/2021

Coñecías todas estas lendas da Mariña sobre o mar?

As lendas galegas non só teñen espazo para meigas e trasgos, as criaturas mariñas tamén xogan un importante papel na nosa cultura.
Coñecías todas estas lendas da Mariña sobre o mar?

As lendas en Galicia teñen unha gran presenza, formando unha parte inseparable da súa cultura e tradición. Meigas e trasgos son un exemplo da gran variedade de criaturas mitolóxicas que forman parte da cultura galega, aínda que sen esquecernos por suposto das sereas, grandes protagonistas das lendas mariñas da Mariña especialmente.

A orixe da serea e a súa presenza ao longo dos anos


A primeira referencia a estes seres mitolóxicos atópase na Antiga Grecia, aínda que moitos consideran que a súa orixe é anterior. Por aquel entón considerábase a estas como ninfas mariñas cuxa voz resultaba chamativa para todo aquel que a escoitase, un aspecto característico que segue presente nas lendas actuais. A principal diferencia respecto ao concepto que temos das sereas hoxe é que antes se representaba a estas criaturas con cabeza humana, tanto de home como de muller, e o seu corpo era de ave. Non foi ata chegada a Idade Media cando as sereas, tamén chamadas nereidas, foron representadas con cabeza de muller e corpo de peixe.

En Galicia a súa figura é realmente importante, chegando a inspirar a distintos artistas. No ámbito relixioso as seras escúlpense con intención de facer referencia ao pecado da luxuria mentres que na arte popular hai artistas que se especializaron nesta figura mitolóxica, como é Urbano Lugrís, pintor ao que se lle alcumaba como “o artista que imaxinou o mar”. Entre as súas obras, pódense atopar distintas representacións das sereas. Á súa vez, estiveron presentes na heráldica a través do escudo familiar dos Mariño en Rianxo, emblema que á súa vez inspiraría a Castelao na súa proposta para o escudo de Galicia no século XX.

As lendas mariñas máis populares na Mariña


Cunha clara presenza na historia e cultura galega, non é de estrañar que as sereas formen parte das súas lendas. Na Mariña, un lugar tan vinculado ao mar, as sereas forman parte importante das lendas mariñas. A continuación contámosvos algunhas desas lendas protagonizadas por sereas galegas que foron pasando de pais a fillos e que aínda a día de hoxe forman parte do coñecemento popular.

A lenda da Maruxaina


A súa orixe sitúase na vila mariñeira de San Cibrao, en Cervo, onde ademais conta cunha festa na súa honra. Isto débese a que A Maruxaina é, posiblemente, unha das sereas máis famosas de Galicia e cuxo agocho, tal e como conta a lenda, sitúase na cova de Xan Xoan Lanuxe, no illote da Sombriza.

Esta lograba atraer aos mariñeiros coa súa voz e, unha vez tíñaos o suficientemente preto, provocaba ventos e tempestades que os facían naufragar. Esta situación levou aos aldeáns a tomar medidas polo que, durante a noite e tras apagar todas as luces do pobo, saíron a buscala. Tomando como guía o son dos seus cornos para poder orientarse na escuridade do mar, lograron disuadir os cantos da propia serea e, dese modo, procederon á súa captura para poder xulgala no porto.

Esta historia segue viva na zona, recreándose a día de hoxe con xuízos nos que interveñen tanto detractores como defensores da propia serea. Despois de todo, co paso do tempo, chegouse a cuestionar se realmente era a serea a que provocaba o mal tempo ou, pola contra, trataba de alertar aos mariñeiros deste. Por iso, de igual modo que se cuestiona se os seus motivos eran bos ou malos, a historia da Maruxaina mantívose viva ao longo destes anos debido aos tráxicos sucesos da zona.

Sereas do regacho do Bao


Non todas as sereas das lendas habitan no mar; proba diso é unha famosa lenda de sereas de auga doce recollida no regacho de Sober. Segundo o que se describe na lenda, estas eran coñecidas como xacios ou xacias, anfibios de aspecto humano que podían ser tanto mulleres como homes. Estas diferéncianse principalmente das sereas polo feito de que poden habitar tanto nas profundidades do río como en terra firme.

Aínda que non se coñece moito da súa historia, o punto común dos xacios é que se di que teñen grandes tesouros cos que lograban atrapar ás súas vítimas, a pesar de que supostamente ninguén regresou para poder contalo.

Noticias destacadas

O á destro catalán, de 24 anos, exercitouse onte por primeira vez cos seus novos compañeiros e xa poderá ser aliñado este venres en Pamplona por David Rial

Dura primera parte para as mariñanas e máis igualado o segundo tempo no que moitas das numerosas ocasións que tiveron se viron frustradas polo papelazo da MVP do partido, Bia da Silva.