Xornadas de Convivencia do equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS: coñecendo A Mariña

O equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS organizou unha actividade diferente e moi especial para as Xornadas de Convivencia que cada pretempada levan a cabo para que o grupo se coñeza e se enriqueza psicolóxicamente para o inicio da tempada.
Para a actividade o corpo técnico decidiu levar aos xogadores ver algúns dos lugares máis especiais da Mariña Lucense, entre outras cousas, para que cultiven a súa curiosidade por coñecer a zona na que van vivir, polo menos, durante esta próxima tempada 2023/2024. Ademais dunha forma de desconexión, descanso e conexión coa natureza e o medioambiente, o grupo tivo a oportunidade de coñecerse e relacionarse, en maior medida que na rutina diaria, durante o traxecto do roteiro planeado, que comezou con unha visita ao Monte Castelo na mesma Burela, onde puideron ver desde o miradoiro, o pobo no que viven. A seguinte parada foi o Paseo dos Namorados, en Sargadelos (Cervo), un sitio moi especial que todos os habitantes da comarca mariñá visitaron algunha vez, foco de numerosas sesións fotográficas pola súa beleza natural e onde di a lenda que as parellas que van e o percorren enteiro se namoran. O equipo puido conversar e rir dando un paseo polo máxico lugar ata a mítica presa que abasteceu de auga no seu día á antiga Fábrica de Sargadelos, da que se conservan as ruínas ao principio do Paseo. A última visita da xornada foi O Pozo da Ferida, preciosa fervenza natural que linda entre Xove e Viveiro. Outro lugar máxico cun nome moi recorrente do que se contan diversas historias sobre a súa procedencia, entre elas outra lenda sobre unha vella que cae de xeonllos nela e xa non pode levantarse nunca máis.
Unha mañá moi enriquecedora para todo o equipo que xa coñece un pouco máis a nosa tan especial e bonita comarca, cultivando neles hábitos saudables e curiosidade por descubrir máis, animándoos a visitar e coñecer a marabillosa contorna na que se atopan.
Categorías
- Actualidade
- Reportaxes
- Equipo masculino
- Equipo femenino
- Pioneiras
- Historia
- Turismo
- Educación
- RSC
- Institucional
- Patrocinadores
Reportajes
Noticias destacadas